1 de xul. de 2019

A GUARDA

O GOBERNO DO  CONCELLO DA GUARDA, FORMADO POR PSdeG-PSOE E BNG, AUMENTAN  DESORBITADAMENTE AS SÚAS RETRIBUCIÓNS DE 119.669,22 € A 209.803,22 € 

Así o cualifica Roberto José Álvarez Carrero, portavoz do Partido Popular


Roberto José Álvarez Carrero, portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular na Corporación Municipal de A Guarda  
Fotos: Infogauda

Infogauda / A Guarda    

  O pasado venres día 28 de xuño de 2019 ás 8:30 horas, o goberno municipal do Concello de A Guarda, formado polo PSdeG-PSOE, con Antonio Lomba Baz á cabeza, e o BNG, liderado por Anxo Lois Baz Vicente, aprobaron en pleno un disparatado aumento das súas dedicacións e retribucións. A pesar da firme oposición do Partido Popular e Converxencia  Galega, socialistas e nacionalistas fixeron valer o seu pacto de goberno e a proposta de aumento de retribucións saíu aprobada, afirmou Roberto José Álvarez Carrero, portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular na Corporación Municipal de A Guarda.     

 “Este é o cambio e novo proxecto de  Anxo Lois e o BNG da Guarda: primeiro, volver facer alcalde a Antonio Lomba; e segundo, aumentar as súas dedicacións e que os guardeses teñamos que pagar ao ano case o dobre de salarios”, denunciou Roberto José Álvarez Carrero

“SUBIDA INXUSTIFICADA E OBSCENA”    

 A valoración que fai o portavoz do PP, Roberto José Álvarez Carrero é a seguinte: “Creo que estamos ante unha subida inxustificada e obscena das dedicacións e retribucións para os señores do BNG e PSOE que gobernan á Guarda. Se o pasado mandato os guardeses tiñamos que pagar dúas dedicacións exclusivas e unha parcial (Antonio Lomba Baz, Miguel Ángel Español Otero e Mª Elena Baz Rodríguez), os novos gobernantes aprobaron catro dedicacións exclusivas e unha parcial (Antonio Lomba Baz, Anxo Lois Baz Vicente, Miguel Ángel Español Otero, Xan Lois Lomba Alonso e Beatriz Lomba Rodríguez). Todo iso pese ao informe de Intervención que explicita que esta subida incumpre o Plan Económico Financeiro do  Concello; incumpre o control de eficacia da administración municipal –contratos caducados,  imposiblidade de utilizar bolsa de auxiliares vixente para cobertura de postos vacantes,  incumplimentos na forma de  otorgar subvencións, etc.



  Diante dese incremento anual de 90.134,00 euros, Álvarez Carrero non dubidou en afirmar: “Mentres outros rexedores, como a Alcaldesa do Rosal, tamén do BNG, rebaixa o seu salario, os seus amigos nacionalistas da Guarda, fan pagar aos guardeses o dobre para poder cobrar eles mesmos. Poderán xustificarse ou alegar o que estimen conveniente pero a verdade imponse: os guardeses imos pagar só este ano pola subida das súas dedicacións que aprobaron xuntos o BNG e o PSOE a friorenta de 90.134,00 €”. 

O HORARIO DO PLENO NON FACILITOU QUE ACUDISEN OS VECIÑOS


Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro portavoz de Converxencia Galega no Concello de A Guarda

  

 Pola súa banda, Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Converxencia Galega criticou tanto o aumento como o horario do pleno, ao entender que se facía a esa hora para que non acudisen veciños, e lembroulle a Anxo Lois a súa incoherencia debido a que o pasado mandato o BNG censurou o salario dos socialistas e o primeiro que fan ao chegar ao goberno é aumentar eles as dedicacións para cobrar. 

 Finalmente, o voceiro do Partido Popular Roberto José Álvarez  Carrero, lembroulles a Antonio Lomba Baz (PSdeG-PSOE) e a  Anxo Lois Baz Vicente (BNG) que se ser de esquerdas significa aumentar impostos e subir dedicacións e retribucións, quen sufrirá serán os máis humildes. Sen obviar a máxima de Séneca que xa lles espetou anos atrás: “O que as leis non prohiben, pode prohibilo a honestidade”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario