23 de xul. de 2019

A GUARDA

Mulleres en Acción – Violencia Zero trae á vila a peza «Rosa», de Nuria Sotelo

O vindeiro xoves día 1 de agosto, ás 21:00 horas, na Praza do Reló 


Infogauda / A Guarda

 O vindeiro xoves día 1 de agosto, ás 21:00 horas, a Praza do Reló acollerá unha nova acción da Campaña Mulleres en Acción – Violencia Zero promovida dende a Deputación de Pontevedra e na que colabora o Centro de Información á Muller da Guarda (CIM).  

 Esta actividade duns 20 minutos de duración, contará coa representación da peza «Rosa» da artista Nuria Sotelo, unha acción de danza-teatro na que se aborda, a través do movemento da intérprete e da mobilización espacial do público, conceptos sexolóxicos como a intersexualidade, a convivencia entre sexos e os rasgos e modos dos suxeitos, pondo en cuestión xerarquías e preconceptos establecidos.   

NURIA SOTELO  

 Intérprete de danza e teatro, buscadora de linguaxes escénicos e directora da súa propia compañía: Compañía de danza-teatro Licenciada Sotelo.  

 Ligada á danza dende a súa infancia a través do ballet, continúa coa súa formación en danza contemporánea nas Aulas de danza e Teatro de las Universidades de Santiago de Compostela e Ourense así como en obradoiros internacionais.  

 Como intérprete participa en creacións de compañías de danza e de teatro: Centro  Coreográfico  Galego na produción “O Kiosco das Almas Perdidas”, dirixida por Roberto  Oliván; e  Ecdisis, de  Erick Jiménez, 2008. Femme  Fatale: “Lerchas” 2007, “Varadas” 2008 e “Cabarencrise” 2009.
  Experimentadanza: “A  ollada  nas  mans” 2009, “Xogando  co Arte” 2010  e Lo que callo” 2011. Teatro  Resoante (proxecto de innovación pedagóxica) “A Caverna de Platón” 2010. Elefante Elegante: “In” 2009. Galicia  Caníval, o musical, 2012. Matarile Teatro: “Staying  alive” 2013.

 Como directora e coreógrafa interésase pola creación escénica integrada nas pezas “Danza  homo-natura” 2011 da compañía 5S de danza integrada e  “Comunicando” 2013, dentro do Festival Internacional de danza Deltebre  Dança.  

 Licenciada Sotelo aparece en 2011 para englobar os traballos que Nuria Sotelo aborda soa e en compañía. Entre eles están:
 “Manifesto”, 2010;  “Métanse nos  seus asuntos” (dirección de Ana Vallés), 2010; “Desmemoriada”, 2011; “Usted está aquí” (dirección Ana Vallés), 2011; “Estado de gracia” 2013; “Silencio por favor” que se estrea en 2014 en e marco do Festival  Alt de Vigo.

Premios: 

 · Certame Coreográfico de Madrid 2017: premiada como coreógrafa pola peza Ensayo amor.

· Premio de interpretación Maruja Villanueva 2017, do Concello de Padrón. 

 Combina actividade escénica coa docencia nos campos do corpo, danza e a creación escénica, traballando con adultas, adolescentes, profesionais da escena, grupos de integración e familias.  

 Actualmente inmersa no proxecto "A Casa Vella", espazo residencia artística e infiltración social a través do corpo e o arte no rural alaricano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario