O BNG aposta pola transparencia desde o goberno municipal da Guarda
O tenente de alcalde, Anxo Lois Baz Vicente, fai públicas as responsabilidades asumidas e as dedicacións retribuídas de tres membros do grupo municipal do BNG
Infogauda / A Guarda
Mediante unha nota de prensa remesada polo BNG de A Guarda a este xornal dixital transfronteirizo, a formación nacionalista da conta que Anxo Lois Baz Vicente, tenente de alcalde no goberno municipal da Guarda, fixo público “cales van ser as responsabilidades asumidas polo BNG no actual mandato municipal, manifestando que o noso compromiso cos veciños e veciñas da Guarda comeza por facelos partícipes das decisións adoptadas na Casa do Concello e polo goberno municipal. Hoxe corresponde informar das áreas e responsabilidades asumidas no goberno local:
Anxo Lois Baz Vicente, tenente de alcalde, será o concelleiro-delegado de Mobilidade e Modelo Urbano, e tamén responsábel da área de Comercio.
Beatriz Lomba Rodríguez, concelleira-delegada de Turismo e de Servizos Sociais.
Xan Lois Lomba Alonso, encargaráse de Tráfico e Emerxencias, e ademais da Concellaría de Medio Ambiente.
Mª Begoña González Martínez, será concelleira-delegada de Igualdade.
E, Xosé Manuel Méndez Díaz, concelleiro-delegado de Cultura e Normalización Lingüística”.
Por outra parte, Anxo Lois Baz, fixo públicas as dedicacións e retribucións que van percibir algúns membros do grupo municipal do BNG, indicando que “para exercer con garantía as tarefas de goberno durante os catro anos que abre o presente mandato municipal é necesario dedicarse de cheo ao labor de transformar A Guarda, tal como demandan os veciños e veciñas do noso concello desde fai moitos anos.
As dedicacións e percepcións económicas serán as seguintes:
Anxo Lois Baz Vicente, tenente de alcalde e responsábel de Mobilidade, Modelo Urbano e Comercio, terá dedicación exclusiva ao Concello, cunha remuneración de 37.000 euros anuais brutos, ao que haberá que restarlle o importe da Seguridade Social e o IRPF.
O concelleiro-delegado de Tráfico, Emerxencias e Medio Ambiente, terá dedicación exclusiva a partir do mes de setembro, cunha retribución bruta de 26.000 euros anuais (ao que tamén se lle restará a seguridade social e IRPF).
E, finalmente, a concelleira-delegada de Turismo e Servizos Sociais, Beatriz Lomba Rodríguez , terá unha dedicación parcial do 77%, cunha retribución bruta de 20.000 euros, á cal tamén se lle descontará a seguridade social e o IRPF.
Desde o BNG consideramos que para levar adiante a transformación que este pobo demanda, necesítase dedicación e esforzo e desde o BNG comprometémonos a iniciar esa transformación, comezando pola transparencia das decisións e sempre escoitando e abrindo canles de participación democrática entre a veciñanza da Guarda”.
Creo que alguien miente...
ResponderEliminar