31 de xul. de 2019

A GUARDA

No marco do programa da Deputación de Pontevedra "Mulleres en acción. Violencia zero"  

Nuria Sotelo ofrece o seu espectáculo "Rosa

A bailarina actuará este xoves, ás 21:00 horas, na praza do Reló

Nuria Sotelo  
Foto: D. PO.


Infogauda / A Guarda

 Nunha actuación que se enmarca no programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" da Deputación de Pontevedra, a bailarina e intérprete Nuria Sotelo ofrecerá o seu espectáculo "Rosa" este xoves 1 de agosto ás 21:00 horas, na praza do Reló, na vila de A Guarda.

  "Rosa" é unha acción de danza-teatro na que se aborda, a través do movemento da intérprete e da mobilización espacial do público, conceptos como a intersexualidade, a convivencia entre sexos e os rasgos e modos dos suxeitos, poñendo en cuestión xerarquías e conceptos establecidos.  

 Sotelo é intérprete de danza e teatro, buscadora de linguaxes escénicas e impulsora da compañía de danza-teatro Licenciada Sotelo. Combina esta actividade coa docencia nos campos do corpo, a danza e a creación escénica, onde traballa con mulleres adultas, adolescentes, profesionais da escena, grupos de integración e familias. Como intérprete, traballa en compañías de danza e teatro como o Centro Coreográfico Galego, Femme Fatale, Experimentadanza, Teatro Resoante, Elefante Elegante e Matarile Teatro. E, na actualidade, está inmersa no proxecto A Casa Vella, un espazo residencia artística e de inflitración social a través do corpo e da arte en Allariz.  

 A cuarta edición do Programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes disciplinas, como a pintura, a música, a poesía, a danza, o teatro, o grafiti e a performance, que levarán ás súas obras por outros tantos concellos da provincia pontevedresa, co obxectivo de dar visibilidade á loita pola igualdade e contra as violencias machistas, ao tempo que serve de escaparate para recoñecer o traballo das mulleres artistas galegas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario