Noites no Castelo
A música de Batuko Tabanka e de Leilía encandilou aos asistentesa esta nova edición
Batuko Tabanka
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado sábado día 20 de xullo a Fortaleza de Santa Cruz acolleu a quinta edición de Noites no Castelo. Un festival organizado dende a Concellería de Festas e Festexos Populares do Concello de A Guarda, que contou coas actuacións dos grupos de música Batuko Tabanka e Leilía, enchendo de boa música un ano máis este emblemático espazo da vila guardesa, declarado Ben de Interese Cultural (BIC).
Esta edición de Noites no Castelo estivo subvencionada pola Deputación de Pontevedra, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, a Xunta de Galicia e en colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais AGADIC e o Xacobeo 2021.
O grupo Batuko Tabanka foi encargado de abrir este concerto ás 22:00h, cunha actuación na que a música típica de Cabo Verde foi a protagonista. Esta formación, integrada por mulleres de orixe caboverdiano e afincadas na Mariña lucense, ensinou aos presentes os cantos e como é o son do «batuko», que é un pano pregado colocado entre as pernas, ademais de bailes tradicionais. Batuko Tabanka está formado por Antonina de Cangas, Antonina de San Cibrao, Ivone, Fafá, Beba, Isabel, Dezidéria, Ilda, Mariazinha, Chuca, Morena, Ilisa, Pachuca, Gali, Lopez, Gusma, Numete, Linsaja, Katuka, Mascu, Canlita, Comato, Belita e Santinha.
Ás 23:00h chegaba a quenda de Leilía, un grupo galego de música tradicional de cantareiras-pandereteiras fundado en 1989 e composto por seis voces femininas, que naceu co propósito de recuperar a tradición oral galega.
Leilía foi un dos primeiros grupos de Galicia que se lanzou a recorrer as aldeas recopilando cancións tradicionais de boca dos anciáns do lugar, e a primeira agrupación de cantareiras que empezou a dar concertos en bares e pubs. A súa actuación mesmo convidou aos asistentes que foron partícipes con bailes entre o público para pechar unha nova edición de Noites no Castelo, cunha asistencia estimada - segundo fontes municipais - en 1.500 persoas.
O Festival Noites no Castelo está consolidado coma unha cita musical ineludible do calendario de verán do Concello da Guarda, habendo pasado polo seu escenario grupos coma Ardentía, Milladoiro, a Banda Crebinsky, o gaiteiro Xosé Manuel Budiño, a cantante Mercedes Peón, a gaiteira Susana Seivane ou o grupo folk A Roda.

Ningún comentario:
Publicar un comentario