22 de xul. de 2019

DEPORTES

A Guarda acolleu varios torneos e exhibicións deportivas a pasada fin de semana 



Infogauda / A Guarda

 Na pasada fin de semana A Guarda acolleu varias probas e exhibicións deportivas que comezaron o venres coa terceira Mostra C.D. Baixo Miño e continuaron na xornada do sábado coa segunda edición de “La Guardia en Danza”, o X Torneo de Fútbol 7 Vila de A Guarda e o Torneo de Baloncesto 3x3 Vila de A Guarda.  

III Mostra C.D. Baixo Miño  




 O venres día 19 de xullo de 2019 o Estadio Municipal da Sangriña acolleu a terceira edición da Mostra Centro Deportivo Baixo Miño.  

 Nesta edición houbo diferentes exhibicións de Judo, baile moderno, zumba e Hip Hop, contando cunha extraordinaria afluencia de público que encheu as gradas do Estadio Municipal.   

II “La Guardia en Danza” 




 Na xornada do sábado día 20 de xullo de 2019 o Auditorio - a ceu aberto - de San Bieito acolleu a segunda edición de "La Guardia en Danza", un evento deportivo organizado por Do-Majó e que contou coa colaboración de varias escolas e grupos de baile de Vigo e do Baixo Miño como Studio 88 ou Xamaraina.  

 Excelente acollida de público que se achegou nesa tarde ata o Auditorio de San Bieito, enchendo as gradas deste espazo para presenciar as diferentes exhibicións de Danza Moderna, Hip-Hop ou Salsa, cheas de orixinalidade e cor.   

Torneo Fútbol 7 Vila de A Guarda 

 O sábado e o domingo pasados o Estadio Municipal da Sangriña acolleu a X edición do Torneo de Futbol 7 Vila de A Guarda, no que participaron 14 equipos cun total de 140 xogadores con idades comprendidas entre os 14 e os 50 anos. 


 Entre os premios entregados destacan o mellor porteiro para Mateo, do equipo Os Bechos; o máximo goleador, para Caco, do Equipo Os Juanitos. En canto á clasificación a primeira posición acadouna o equipo Manel Riveiro Peluqueros de Goián; a segunda posición para Lonxamar e terceira posición para Os Bechos.   

Torneo Baloncesto 3x3 Vila de A Guarda 



 Tamén na pasada fin de semana as pistas deportivas do Clube de Tenis Codesal acolleron a V edición do Torneo de Baloncesto 3x3 Vila de A Guarda que contou cunha gran representación de clubs do sur da provincia, aumentando nesta edición a calidade do torneo confraternizando con varios equipos. 

 En canto á clasificación a primeira posición acadouna o equipo Unicejos de O Porriño; a segunda posición foi para Sobaos, de Vigo; e a terceira foi para Tira Cerveza Tarzán de Vigo.  

 Sen dúbida unha fin de semana cargada de eventos deportivos que, en palabras da concelleira de Deportes, Montserrat Magallanes Álvarez, «é un sinal da boa saúde da que goza o deporte na vila de A Guarda, cunha ampla representación de deportes e unha moi boa implicación tamén por parte dos veciños, o que repercute en hábitos de vida saudable.»

Ningún comentario:

Publicar un comentario