Xunta de Galicia e Fegamp dan comezo co plan de actuación conxunta da memoria histórica
O Goberno galego deu traslado á Fegamp dos acordos parlamentarios aprobados, concretamente da retirada de símbolos franquistas (competencia municipal) e da localización de fosas e exhumacións de cadáveres
Marta Fernández-Tapias e Blanca García-Señoráns, mantiveron esta mañá unha xuntanza co presidente da Fegamp, Alfredo García
Foto: X.G.
Infogauda / Santiago de Compostela
As directoras de Administración Local e de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Marta Fernández-Tapias e Blanca García-Señoráns, mantiveron esta mañá unha xuntanza co presidente da Fegamp, Alfredo García, onde acordaron deseñar un Plan de Actuación conxunta da memoria histórica entre as Administracións local, autonómica e estatal.
A Xunta deu traslado hoxe á Fegamp dos acordos parlamentarios aprobados, concretamente da retirada de símbolos franquistas (competencia municipal) e da localización de fosas e exhumacións de cadáveres. A Fegamp amosou a súa vontade de que unha vez estea constituido o Goberno do Estado, solicitar unha reunión co Director Xeral da Memoria Histórica, dependente do Ministerio de Xustiza para que entre todas as Administracións se deseñe e avance neste Plan de actuación conxunta.
O primeiro dos acordos parlamentarios insta á Xunta de Galicia a consensuar e coordinar coa Federación Galega de Municipios e Provincias e coa Administración xeral do Estado as actuacións encamiñadas a facilitar ás familias de vítimas da guerra civil e da represión franquista a localización, exhumación e traslado, se procede, dos restos mortais dos seus familiares.
O segundos dos acordos trasladados hoxe á Fegamp insta ao Goberno galego a elaborar e aprobar, coa participación das entidades locais, universidades e asociacións de memoria histórica, un Plan plurianual de investigación, localización, exhumación e identificación das vítimas do franquismo que están soterradas en fosas comúns en Galicia.
Segundo este acordo, o procedemento para a localización basearase na investigación por parte dun equipo multidisciplinar que teña en conta as fontes orais, as probas documentais e a relación de indicios que a xustifiquen. Os traballos de exhumación e identificación realizaranse por equipos profesionais, con financiamento público e de conformidade cos protocolos establecidos co obxectivo último do plan debe ser a entrega dos restos ás familias e o desenvolvemento de actos de enterramento digno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario