20 de xuño de 2019

TOMIÑO

Tomiño únese á Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica na conmemoración do Día Mundial da ELA 

#LuzporlaELA é o nome da acción de visibilidade que se levará a cabo o próximo venres, 21 de xuño, en todo o territorio nacional en conmemoración do Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica  

#LuzporlaELA no Día Mundial da Esclerose Lateral Amiotrófica     



Infogauda / Tomiño

 Tomiño únese á Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) na conmemoración do Día Mundial da ELA (21 de xuño), iluminando edificios emblemáticos da xeografía galega de cor verde. No caso do Concello, iluminarase o balcón da fachada.


  AGAELA puxo en marcha a Campaña #LuzporlaELA, solicitando a municipios de todo o territorio galego, a iluminación de cor verde de edificios e monumentos emblemáticos o día 21 de xuño. Xa son máis de 200 os edificios e monumentos de todo o país que se sumaron a esta iniciativa de visibilidade por petición de todas as Asociacións de Pacientes de ELA do estado, co impulso da Fundación Francisco Luzón.  

 O obxectivo que persegue #LuzporlaELA é visibilizar a enfermidade e apoiar ás persoas que a padecen para concienciar á sociedade sobre as dificultades que a ELA implica no seu día a día. 

 En Galicia iluminaranse de verde os edificios da Deputación da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra; a Torre de Hércules e a Fonte de Catro Camiños en A Coruña; o Hospital e a Fundación San Rafael; a Fonte do Paraugas e a Igrexa de Santa María de Cambre; o Castelo de Santa Cruz de Oleiros, a Casa do Concello de Cangas e Frigoríficos do Morrazo, os Concellos de Ferrol, Cabana, Pontevedra, Cambados, A Capela, Negreira, Ames, Sada, Bergondo e Tomiño; a Ponte Romana de Ourense, a Cidade da Cultura  de Galicia en Santiago de Compostela, as Fontes de Aragón e a Pantalla LED de Dinopíxel na Porta do Sol en Vigo, o Colexio de Nosa Señora da Antiga en Monforte de Lemos e as sedes de empresas como Elevadores Dusa, S.L. ou Molduras del Noroeste, S.L.  

 A nivel nacional iluminaranse as 15 cidades Patrimonio da Humanidade de España, a fonte de Cibeles en Madrid ou a Praza de España en Sevilla, entre moitos outros municipios que queren sumarse a esta acción de visibilidade pola ELA. 

21 de xuño, un día para reivindicar  

 O día Mundial da ELA celebrouse por primeira vez no ano 1997, desde entón, cada 21 de xuño alzamos a voz para situar a ELA e o apoio ás persoas afectadas como prioridade na sociedade. É un día para involucración cidadá, de organismos públicos e empresas privadas, co fin de dar visibilidade a esta dura enfermidade, axudar a mellorar a calidade de vida dos pacientes e familiares e reivindicar a necesidade de impulsar a investigación. 

Sobre a Esclerose Lateral Amiotrófica  

 A Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) é unha enfermidade neuromuscular dexenerativa na que as células que controlan o movemento da musculatura voluntaria diminúen o seu funcionamento gradualmente e morren, provocando unha paralización progresiva da persoa afectada en un corto espazo de tempo, impedíndolles sorrir, falar, comer, moverse ou respirar por si solos. A esperanza media de vida dos pacientes non soe superar os cinco anos. Non existe ningún tratamento contra a ELA, aínda que hai fármacos e terapias para combater os seus síntomas (alteracións respiratorias, alteracións do sono, calambres…). En España estímase que cada día se diagnostican 3 novos casos de ELA, 1.000 ao ano, os mesmos que falecidos. O número de persoas afectadas na actualidade ronda os 4.000.

Ningún comentario:

Publicar un comentario