Este verán os nenos e nenas de Tomiño e Vila Nova de Cerveira moveranse coa Eurocidade
En xullo celebrarase ‘Mexe-te nas férias | Móvete nas vacacións’, un proxecto con actividades deportivas, xogo libre e visitas a espazos culturais de Portugal para rapaces e rapazas de até 12 anos
Trátase dunha das propostas gañadoras do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2019
Infogauda / Tomiño
Achegar espazos de convivencia para a poboación infantil de Tomiño e Vila Nova de Cerveira e ofertar alternativas de conciliación laboral para as familias ao remate do período escolar. Eses son os dous obxectivos principais de ‘Mexe-te nas férias | Móvete nas vacacións’, un programa con actividades deportivas, xogo libre e visitas a espazos culturais de Portugal realizado ao abeiro da Eurocidade Vila Nova de Cerveira-Tomiño e que se celebrará o vindeiro mes de xullo.
Este proxecto, escollido como un dos gañadores nas votacións do Orzamento Participativo Transfronteirizo 2019, está promovido polas Associaçoes de Pais e Nais dos Centros Escolares Norte e da Vila (Cerveira) e a Mesa de ANPAS dos Centros educativos de Tomiño. Todas as actividades desenvolveranse os luns, mércores e venres dende o 8 ao 31 de xullo e está destinado a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, aínda que en Cerveira tamén estará aberto a nenos e nenas de 3 a 6 anos.
Durante ese mes os e as participantes poderán desfrutar de actividades como cun circuíto Eco-Green, actividades de aventura, buscas do tesouro, ximnasia acrobática, bádminton, mini trails, baile, xogos na praia, concursos, dun torneo de baloncesto na Praia, probar o surf, xogos acuáticos… e un sinfín de actividades coas que se busca entreter aos nenos e nenas dun xeito activo e divertido. As actividades desenvolveranse en diversos espazos: no ATL Reboreda, no Parque de Lazer do Castelinho, no Convento de Sanpayo, na piscina municipal, no monte da Atalaia e na Pista Municipal de Atletismo de Cerveira, así como no Centro Hípico de Melgaço, Vila Praia de Âncora ou na praia do Camarido, entre outros.
Novas actividades en outubro
O vindeiro mes de outubro está previsto a posta en marcha do outro proxecto gañador do OPT 2019, actividades artísticas e medioambientais, de novo dirixidas ao público infantil. Serán actividades coas que se tratará de educar en valores como o coidado e o respecto ao medio ambiente mediante visitas guiadas a unha granxa escola, sensibilizar aos máis pequenos e pequenas na ecoloxía mediante a vivencia e contacto co medio natural e rural da contorna xeográfica e fomentar o interese polo arte e a creatividade mediante actividades de experimentación con materiais de refugallo. Ademais, o proxecto volverá buscar a aproximación entre nenos e nenas de Vila Nova de Cerveira e Tomiño.
Estas actividades estarán dirixidas a dous grupos de idade: a nenos e nenas de 3 a 6 anos, que farán visitas a unha granxa escola onde coñecer os animais, a horta, as áreas de compostaxe, a zona da prehistoria, a queixería e as áreas de enerxías renovables e orientación; e a rapaces e rapazas de 6 a 12 anos, que realizarán actividades artísticas como talleres con materiais de refugallo.
Orzamento Participativo Transfronteirizo
Estes programas de actividades realízanse ao abeiro da Eurocidade Cerveira-Tomiño a través do Orzamento Participativo Transfronteirizo, unha iniciativa pioneira na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e unha das prioridades da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño. Con esta axenda estratéxica preténdese potenciar a participación pública e o poder de decisión da cidadanía de ambas marxes do río Miño, implicando á veciñanza de Cerveira e Tomiño na procura de solucións conxuntas para necesidades comúns. É un proxecto cofinanciado ao 75% polo programa INTERREG VA POCTEP a través de fondos FEDER da Unión Europea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario