Con 11 concelleiros, o novo goberno de Tomiño promete un Concello transparente, aberto e dialogante
Participación de todos os habitantes, incluso da poboación infantil; igualdade, respecto polo medio, seguridade e accesibilidade, serán algúns dos eixos transversais do novo goberno
O benestar das persoas, unha administración cercana e a valorización dos sectores produtivos, serán tamén obxectivos prioritarios
Sandra González Álvarez, alcaldesa de Tomiño, co equipo de goberno municipal ao completo
Foto: C.T.
Infogauda / Tomiño
O novo equipo de goberno municipal de Tomiño, formado por 11 concelleiros (cinco mulleres e seis homes) do Bloque Nacionalista Galego (BNG), o que representa o 60% dos votos, prometeu na súa sesión de investidura, celebrada o sábado ao mediodía nun salón de plenos abarrotado, un Concello aberto, transparente e dialogante, en disposición de mellora constante, atento aos veciños e veciñas, pero tamén coa vista no futuro.
A alcaldesa Sandra González Álvarez, asumiu o seu cuarto mandato dando as grazas aos seus compañeiros de traballo; aos novos e aos que xa non están; á veciñanza que a votou e, moi especialmente, aos membros da súa familia, que a apoian de forma incondicional.
A rexedora prometeu seguir traballando para “converter a Tomiño en referente de novas e modernas políticas, no contexto da nosa comarca e tamén da recente Eurocidade Cerveira-Tomiño, que abre un abano de posibilidades de colaboracións cos nosos irmáns portugueses”.
Asemade, Sandra González, asegurou facer un goberno de continuidade pero non continuista; “un Concello no que os nenos e nenas opinen na toma de decisións; un Concello máis igualitario e respectuoso co medio; un Concello para as persoas que garanta a mobilidade segura da cidadanía e a accesibilidade de maiores e persoas con discapacidade”.
Ademais, a alcaldesa a adiantou o desexo de seguir traballando para valorizar os sectores produtivos do concello, !e que explore vías alternativas tamén para novos investimentos que xeren emprego e riqueza. “Tomiño quere ser un referente no Sur de Galiza, un bo lugar para vivir; un concello do que sentirse orgulloso/a, porque cando hai proxecto claro e apoio do pobo, non hai ninguén que pare eses ansíeos de mellorar as cousas”, explicou González en referencia á transformación de Tomiño levada a cabo nos últimos anos.
Por último, a rexedora prometeu seguir traballando “polo benestar das persoas, poñéndoas no centro da política local; un Concello que colabora cas familias e persoas con dificultades; un Concello amable e con corazón para as persoas que máis o necesitan”.
Os demais membros da corporación son catro concelleiros/as do PP e dúas do PSdG-PSOE, que tamén xuraron os seus cargos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario