O Concello organiza unha decena de campus e actividades de verán
O prazo de inscrición manterase aberto até o día 25 de xuño, existindo diferentes datas, horarios e prezos
Infogauda / Tomiño
O Concello de Tomiño vén de abrir o prazo de inscrición nas Actividades de Verán para nenas e nenos. Unha decena de propostas e, concretamente, oito campus deportivos e dous campamentos: urbano e musical.
Piragüismo, tenis, pádel e fútbol; rugby, skate, balonmán e atletismo, son as disciplinas dos campus organizados pola Concellería de Deportes. De distintas horas de duración (entre as 10 e as 40), os campus realizaranse durante os meses de xuño, xullo e agosto, dependendo do caso, e en varios horarios, segundo a disponibilidade. Así, a primeira das actividades, comezará o vindeiro 25 de xuño, rematando o 30 de xullo. Trátase do campus de piragüismo, que este ano terá dous horarios diferentes e un prezo total de 15 euros. O único requisito é saber nadar.
Outra das actividades consolidadas son os campus de tenis e pádel, que se desenvolverán ao longo dos meses de xullo e agosto, e o de fútbol, que terá lugar de maneira simultánea nos campos de A Carballa (Tomiño) e O Regatiño (Goián), entre o 15 e o 27 de xullo, en horario de 10 a 13.30h. (custo 55 euros).
As idades para poder participar varían dunha a outra actividade, cunha media de 6,6 anos de idade mínima e 14,4 de máxima (ver cartaz).
No referido aos campamentos, o urbano será en xullo (do 1 ao 31), en horario de luns a venres, de 9 a 14h, existindo a posibilidade de acudir de 8 a 9 h á Aula Madruga no colexio Pedro Caselles. Esta actividade xorde coa intención de axudar a conciliar a vida laboral e familiar e terá un custo de 45 euros. Realizaranse actividades lúdicas, culturais, plásticas, etc.
No caso do campamento de música, impartido pola Agrupación Musical de Goián, as clases terán lugar no mes de agosto no auditorio. Poderase asistir unha semana ou dos (consultar días e prezos).
O prazo de inscrición ábrese hoxe e remata o día 25 de xuño (o 24 no caso de piragüismo). O trámite pode realizarse a través da páxina web do Concello, no seguinte enlace: https://tomino.gal/campamentos-de-veran-2019/.
As persoas que asistan ás actividades de rugby, skate, atletismo, tenis, pádel, balonmán e fútbol terán unha camiseta de balde.
Para comprobar que o tamaño da mesma é o correcto, pódese comprobar a talla no edificio de Benestar Social do Concello de Tomiño (Barrio da Rocha, 8; antigo centro de saúde).
Para máis información ou dúbidas, chamar ao 986 622 001 de luns a venres, de 8 a 14 horas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario