Fonte da Virxe celebra mañá os seus 25 anos de traballo pola saúde mental cunha gran romaría en Conxo
A asociación compostelá aproveitará a festa para inaugurar un banco conmemorativo do seu aniversario, que foi elaborado de xeito participativo nos obradoiros de cerámica da entidade.
Obradoiro de cerámica Fonte da Virxe
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela
Este ano, a asociación compostelá Fonte da Virxe cumpre 25 anos de atención ás persoas con problemas de saúde mental e aos seus familiares na área de Santiago. Para celebralo, mañá, sábado 29 de xuño, realizará unha gran romaría durante todo o día a carón da Fonte da Virxe, en Conxo, lugar do que a asociación tomou o seu nome.
O evento comezará ás 13h coa inauguración dun banco de cerámica que conmemora o 25 aniversario da asociación e que foi elaborado de xeito participativo nos talleres de cerámica da asociación. A continuación, ás 14h, haberá un xantar de convivencia e seguidamente celebrarase unha gran festa que inclúe un concerto de Natalia González ata as 18:30.
Nesta festa preténdese reunir a todas as persoas que forman parte da historia da asociación: membros fundadores, persoas usuarias, familias, traballadores, amigos... Volverase así, 25 anos despois, ao punto de partida para facer balance da traxectoria vivida e reafirmar os propósitos fundacionais da asociación. Non obstante, será un encontro lúdico e festivo onde compartir experiencias, recordos e vivencias persoais e familiares.
Fonte da Virxe, o lugar onde comezou todo
Fonte da Virxe histórica
Fonte da Virxe é unha área natural do barrio de Conxo recentemente acondicionada e aberta ao público que, antigamente, formaba parte dos xardíns do Hospital Psiquiátrico. Naquel entón, era unha zona de paseo e distensión para as persoas internas e foi tamén onde comezaron a reunirse os familiares a mediados dos anos oitenta do século pasado para organizarse e apoiar unha atención sociocomunitaria alternativa á existente.
En 1994 formalizouse a asociación Fonte da Virxe, identificado a súa misión co nome do lugar de orixe e abrindo outros puntos de apoio para as persoas con problemas de saúde mental fóra do recinto hospitalario. 25 anos despois, a asociación Fonte da Virxe conta cun Centro de Rehabilitación no Barrio de San Pedro e un Centro Ocupacional na Barcia.
Un banco conmemorativo construído por moitas mans
A idea de construír un banco para conmemorar o 25 aniversario de Fonte da Virxe xurdiu da man de Jose Blanco e Marta Zaera, responsables dos talleres de cerámica e coiro da asociación. Para dar forma á peza, contaron coa axuda de Carlos Selas, que se encargou do deseño gráfico.
Construcción do banco conmemorativo
O banco pretende evocar as arcadas que durante moitos anos caracterizaron o recuncho orixinal de Fonte da Virxe. Ten forma dun gran semicírculo de tres metros de diámetro e no seu perímetro exterior levántase unha estrutura de albanelería, a cal vai recuberta polas pezas de cerámica de gres realizadas artesanalmente nos obradoiros participativos.
Estes talleres de participación aberta tiveron lugar durante os meses de abril e maio, cando calquera persoa interesada puido achegarse á asociación para elaborar as súas pezas. Ademais, Fonte da Virxe contou co apoio especial da asociación Itínera, que axudou a facer a armazón da base do banco, e do Departamento de Terapia Ocupacional do Hospital Psiquiátrico de Conxo, que participou na elaboración das lousas cerámicas da cobertura.
Para máis información sobre esta e outras actividades do 25 aniversario de Fonte da Virxe, pódese visitar a web www.fontedavirxe.org.
Fonte da Virxe foi creada en xullo de 1994 coa finalidade de promover a recuperación das persoas con problemas de saúde mental, a súa integración social, a mellora da asistencia e a súa calidade de vida, así como a defensa dos seus intereses e dereitos. A asociación pretende, por un lado, cubrir o baleiro existente na protección cara este colectivo na área de Santiago, e por outro, tentar cambiar actitudes erróneas informando sobre a realidade desta enfermidade.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 que representa os dereitos e necesidades do movemento asociativo de saúde mental. O seu obxectivo principal é a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e dos seus familiares. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.
Ningún comentario:
Publicar un comentario