20 de xuño de 2019

PEDORNES (OIA)

A limpeza da contorna de Auga dos Cebros abre esta fin de semana os traballos para a elaboración dunha réplica do petróglifo  

Os labores do sábado están abertos á participación da veciñanza (previa inscrición e limitada a 5 prazas)  

O martes haberá unha visita guiada para divulgar os traballos a realizar  
 

Manuel Ángel Pombal Diego, profesor titular do Departamento de Bioloxía funcional e ciencias da saúde, da Universidade de Vigo, xunto o petróglifo Auga dos Cebros

Patria Muñoz Raña / Oia 

 Os traballos para a elaboración dunha réplica do petróglifo de Auga dos Cebros comezarán esta fin de semana cunha actividade que consistirá na limpeza da contorna do gravado. Estes labores previos terán lugar o próximo sábado e contarán coa participación da propia veciñanza, se ben cómpre inscribirse previamente porque as prazas son limitadas. 

 O proxecto de elaboración dun molde e réplica de Auga dos Cebros está promovido pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes –titular dos terreos- e máis pola Asociación Costa dos Castros co obxectivo de contar cunha reprodución fiel deste singular e valioso gravado rupestre. Ao mesmo tempo, aproveitaranse os traballos para levar a cabo iniciativas de divulgación e sensibilización patrimonial. 

 As actuacións desenvolveranse co financiamento do Concello de Oia e máis da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que será a encargada de acometer os traballos. Para elo, desprazará un equipo técnico composto por varios membros do profesorado e alumnado. 

 Os anteditos traballos comezarán o sábado día 22 ás 10:00 horas cunha limpeza dos arredores do petróglifo. Con esta actividade preténdese retirar a maior parte dos depósitos acumulados na contorna inmediata do sitio arqueolóxico, moitos deles froito do arrastre de materiais xerado polas augas do río. 

Manuel Ángel Pombal Diego - no centro da imaxe - con membros da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia visitando o petróglifo de Auga dos Cebros


 Nos labores de campo do día 22 participarán membros da Escola, da comunidade de montes de Pedornes e de Costa dos Castros. Así mesmo, e co obxectivo de abrir as actuacións á participación da comunidade local, convócanse 5 prazas para as persoas que desexen axudar voluntariamente. As persoas interesadas en participar deberán chamar ao teléfono 689 355 713 (as prazas están limitadas a 5, así que seguirase estrita orde de inscrición). 

 Na mesma liña de promover a participación e sensibilización da veciñanza, para o martes día 25 ás 18:00 horas programarase unha visita guiada na que se explicarán os traballos a desenvolver para a elaboración do molde co que se obterá a réplica de Auga dos Cebros. 

 Estas actividades, ao igual que o resto do plan de traballo, son susceptibles de sufrir algunha modificación horaria por motivo das condicións meteorolóxicas. No caso de cancelación, avisarase con antelación. 

Traballo de campo 

 Segundo as previsións iniciais, os traballos de campo en Auga dos Cebros desenvolveranse o sábado 22 de xuño e, posteriormente, na semana que vai do luns 24 ao venres 28. A partires de aí, o persoal da Escola comezará o traballo de gabinete para a elaboración da réplica e a análise dos resultados obtidos. 

 Ademais da limpeza da contorna e a realización do molde e a réplica, a actuación global inclúe a documentación dixital do xacemento (mediante fotogrametría) e a confección dunha diagnose precisa que permita entender as alteracións pasadas así coma os riscos futuros, entre outras tarefas. Así mesmo, os traballos permitirán avanzar outras medidas de conservación preventiva.  

 A finalidade última de contar cunha réplica fiel de Auga dos Cebros é a salvagarda deste patrimonio fráxil e en risco, protexendo o xacemento mediante documentación. Neste sentido, cabe lembrar o proceso de deterioro que, debido á acción de distintos axentes, está a rexistrar esta importante mostra da arte rupestre do noroeste peninsular. 

O singular petróglifo de Auga dos Cebros 

 O petróglifo de Auga dos Cebros sitúase en terreos da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Pedornes, no lugar do Viveiro, nun espazo arborado próximo ao río Vilar que rexistra unha elevada densidade de gravados rupestres. Na zona existen petróglifos de diversas tipoloxías, pero entre eles destaca especialmente o da gran embarcación de orixe mediterránea, un dos máis singulares da costa galega e único na fachada atlántica europea. 

 Ademais da gran nave de Auga dos Cebros 1, na zona existen insculturas doutras dúas embarcacións: son as denominadas Auga dos Cebros 2 e Viveiro 6. 

 A representación de naves con formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a. C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia destas xoias arqueolóxicas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario