14 de xuño de 2019

OIA

O BNG de Oia pide que se respecte a prohibición do uso de glifosato no noso concello   


Xosé Antón Rodríguez "Xuster", portavoz municipal do BNG en Oia

BNG / Oia

 Desde hai anos, diferentes asociacións ecoloxistas veñen denunciando o uso do glifosato, un herbicida, que se expande pola terra e pola auga, e a través delas aos cultivos cos que nos alimentamos e a auga que bebemos nós e outros seres vivos. O problema é que o glifosato, como recoñece a Organización Mundial da Saúde é canceríxeno para os seres humanos e os animais; ten graves impactos negativos no medio ambiente e reduce a biodiversidade.  

 Por estas razóns, e a pesar dos intereses económicos que apoian o uso deste produto, cada vez máis persoas están concienciadas sobre a necesidade de eliminar o  uso de substancias químicas perigosas para os seres vivos. Grazas a esta sensibilización, na Unión Europea preséntanse iniciativas cidadás para prohibir o seu uso e numerosos gobernos e Administracións Locais decidiron adherirse a esas iniciativas.  

 Precisamente, e por estas razóns, o Concello de Oia aprobou en 2018 por unanimidade a prohibición do uso deste perigoso herbicida.  

 A pesar deste acordo, a Xunta de Galicia, segue usando o veleno e envía máquinas, que nin sequera teñen identificación para sulfatar polas beiras das nosas estradas e nalgúns casos, mesmo ao pé das casas.  

 Ademais, a herba e matogueira seca pola beira dos camiños, aumenta a posibilidade de que se produzan incendios, xustamente na época en que hai máis perigo. No canto de rozar e limpar a franxas de seguridade, a Xunta de Galicia contribúe con estas prácticas a “botarlle leña ao lume”.  

 Por todo isto, o BNG de Oia apoia a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM) na mobilización contra o uso do glifosato nas nosas estradas e esixe que desde a Administración Local se tomen as medidas oportunas para facer respectar a prohibición do seu uso no noso Concello.

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario