14 de xuño de 2019

A GUARDA

Abanca e Orpagu fortalecen a súa colaboración e impulsan a financiación ao sector  

· Os armadores poderán contar cunha póliza de crédito, con xuros moi baixos, pensada para dar solución aos períodos de paro biolóxico e caída de ingresos que afectan ao sector. 


De esq. a der.: Enrique Marticorena, Martín Blanco, Joaquín Cadilla, Javier Fraga y Juan Jesús González.

Mar Bermúdez / A Guarda

 Abanca e a Organización de Palangreiros Guardeses (Orpagu) renovaron está mañá o seu convenio de colaboración co fin de dar resposta ás demandas do sector na localidade, que recolle unha oferta financeira vantaxosa creada especificamente para este colectivo de profesionais. 

 O acordo foi asinado esta mañá na Guarda polo presidente de  Orpagu, Joaquín  Cadilla, e o director de zona de Abanca en Condado/Baixo Miño, Martín Blanco. No acto tamén participaron o director da división do Mar da entidade, Javier Fraga; o director da oficina de Abanca na Guarda, Juan González; e o xerente de convenio privados da entidade financeira, Enrique Marticorena.  

 A través deste novo convenio, Abanca pon a disposición dos palangreiros guardeses un amplo catálogo de financiamento con liñas e solucións de crédito deseñadas especificamente para dar resposta ás principais problemáticas da actividade pesqueira. Así, poderán contar cunha póliza de crédito, con xuros moi baixos, pensada para dar solución aos períodos de paro biolóxico e caída de ingresos que afectan ao sector. O texto tamén inclúe outros produtos a medida, como a hipoteca naval para financiar buques e outro tipo de embarcacións vinculadas á actividade pesqueira, ou seguros personalizados para este colectivo. 

 A entidade tamén ofrece a estes profesionais do mar a posibilidade de anticipar, mediante préstamos sen xuros ou comisións, subvencións e impostos para atender a operatoria das empresas pesqueiras. Así mesmo, a oferta financeira recollida no convenio inclúe outros produtos habituais como liñas de desconto, leasing mobiliario, confirming, avais, coberturas de prezos sobre gasóleo ou liñas de comercio exterior que suplen as necesidades de crédito que deben atender as embarcacións que faenan noutros países. 

 Ademais, os membros de Orpagu poderán acceder aos plans de financiamento con respaldo institucional, como o Plan Activamos asinado por ABANCA coa Deputación de Pontevedra, que inclúe liñas de crédito para facilitar o emprendemento, os novos investimentos ou a creación de emprego, entre outras. Tamén poderán beneficiarse doutros programas oficiais de crédito do ICO ou as SGR galegas. 

 Desde 2016, a entidade financeira conta con Abanca Mar, unha unidade especializada no mundo pesqueiro, que dispón dun amplo catálogo de produtos e servizos pensados para dar resposta ás demandas deste colectivo e ofrece solucións personalizadas a problemáticas puntuais do sector.  

 Orpagu, pola súa banda, agrupa desde 1996 os intereses dos palangreiros da Guarda e na actualidade alberga a frota máis importante do mundo na modalidade de palangre de superficie, con 37 buques. Presentes en todos os mares, conta con unidades pesqueiras no Pacífico, Índico, Atlántico Norte e Atlántico Sur.

Ningún comentario:

Publicar un comentario