6 de xuño de 2019

GALICIA

Marisa Crespo, Teresa Portela, Jeanne Picard, Benedicta Sánchez e as redeiras de Galicia, galardoadas coa Medalla Castelao 2019

Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia, na rolda de prensa posterior ao Consello do Goberno galego
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela
 
 O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se concede esta distinción a aqueles galegos e galegas cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia.

 Estas distincións serán entregadas, como cada ano, o vindeiro 28 de xuño.

MARISA CRESPO

 Nada no Concello ourensán de Cea en 1961. Estudou Medicina na Universidade de Santiago de Compostela e é especialista en Cardioloxía pola Clínica Puerta del Hierro de Madrid. Obtivo o doutorado pola Universidad Autónoma de Madrid. Desde 1993 traballa no Servizo de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde actualmente dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco.

 É profesora titular de Medicina na Universidade da Coruña. Ademais, coordina o Grupo de Investigación de Insuficiencia Cardíaca Avanzada e Transplante Cardíaco do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña; é xefe de grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Red Cardiovascular; e é a coordinadora do Rexistro Español de Tumores post-transplante cardíaco. Tamén exerce responsabilidades en distintas sociedades científicas.

TERESA PORTELA

 Nada no Concello de Cangas do Morrazo en 1982, é unha deportista que compite en piragüismo, concretamente na modalidade de augas tranquilas. Os valores do seu esforzo, a constancia e a superación foron claves na súa traxectoria.
No seu palmarés conta con 14 medallas no Campionato Mundial de Piragüismo entre o 2001 e o 2015. Tamén obtivo 17 medallas no Campionato Europeo de Piragüismo entre o 2001 e o 2013. Ademais, participou en 5 Xogos Olímpicos de verán entre os anos 2000 e 2016 nos que obtivo 5 diplomas.

REDEIRAS DE GALICIA

 As redeiras de Galicia son profesionais que se dedican á confección, reparación e mantemento de artes e aparellos de pesca. Actualmente esta profesión, que desenvolven nun 84% mulleres, está envellecido por falta de remuda xeracional.

 En Galicia existen 8 asociacións que agrupan a case 150 redeiras dos portos de Cariño, Cedeira, Corme, Malpica, Cambados, Portosín, Cangas e A Guarda. A maioría agrúpanse na Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, que ten entre os seus obxectivos o de visibilizar o traballo das redeiras, loitar contra a intrusión laboral ou garantir a remuda xeracional.

JEANNE PICARD

 Nada en París en 1943, vive en España desde 1963. Fundou Stop Accidentes España despois de que no ano 2000 un dos seus tres fillos falecera aos 33 anos nun accidente de tráfico ao ser embestido o seu vehículo por outro coche.

 Actualmente é a secretaria e delegada de Stop Accidentes en Galicia, que creou xunto con outras nais que se atopaban na súa mesma situación. Entre os obxectivos da entidade están: a prevención da violencia viaria en todas as súas formas para conformar un espazo de diálogo e debate coas institucións; prestar apoio e asesoramento ás vítimas e ás súas familias, optimizar as reivindicacións e crear iniciativas que impulsen a cultura da seguridade viaria.

BENEDICTA SÁNCHEZ

 Naceu no Concello do Corgo, en Lugo, hai 83 anos. É unha das actrices da película O que arde, de Óliver Laxe, recentemente galardoada no Festival de Cannes. Ata a súa participación neste filme nunca antes actuara ante unha cámara nin fixera cine, aínda que sempre tivo interese pola cultura.

 Foi boa estudante, aínda que tiña que compaxinar ese traballo co coidado das vacas e ovellas da casa, e encantáballe ler. Tras emigrar a Brasil, volveu a España coa súa filla, que foi quen a animou a presentarse ao cásting para a película. No Festival de Cannes posou ante os fotógrafos e bailou unha muiñeira amosando a nosa cultura nun dos festivais máis prestixiosos do mundo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario