6 de xuño de 2019

DEPORTES

FÚTBOL FEMINIMO

A Copa Deputación feminina coroa ao Valladares que tomba ao Umia na quenda de penaltis  

Trabazos, que mandou dous balóns ao pau, igualou na segunda metade e as de Couñago gañaron 5-3 nos penaltis 


O Valladares campión da Copa Deputación de Pontevedra de fútbol feminino
Fotos: D.PO.
O Umia, subcampión da Copa Deputación de fútbol feminino

Infogauda / Pontevedra

 Umia (3): Patricia Casas; Sandra, Cris, Ainhoa Barreiro,  Graci (María Vázquez,  min. 72), Paula, Eva López,  Miri, Lida, Alba  Ferré e Alba Barral (Rebeca,  min. 61).  

 Valladares (5): Judith ( Albita,  min. 92);  Nerea, Gloria, Tamara, Marta,  Hele,  Mery, "Loles" (Loli,  min. 81), Álex Pichel (Carla,  min. 93), Anita e  Trabazos.  

 Goles: 1-0 ( min. 6), Alba  Ferré. 1-1 ( min. 69),  Trabazos.
  
 Árbitro: Iria Rosendo (Comité Galego). Amoestou polo Umia a Paula e polo Valladares a Nerea e Marta.  

 Incidencias: O Carrasco, en Marcón (Pontevedra). Final da V Copa Deputación feminina. Asistiu a presidenta da institución provincial, Carmela Silva Rego. Boa entrada e ruidosa e moi participativa a afección do Umia. No descanso entrou en funcionamento a iluminación eléctrica.     

 Á conta dun ordenado e peleón Umia, equipo de 1.ª Autonómica que o ano que vén xogará en categoría nacional, o Valladares (2ª División) retivo para a delegación viguesa o título da Copa Deputación. As de Gabi Couñago relevaron ao Matamá no palmarés e xa todos os equipos vigueses de 2ª Nacional conta coa copa provincial nas súas vitrinas. Con todo, a vitoria chegou nos penaltis (5-3), con gol de Carla no quinto lanzamento e fallo de Lida, do Umia, no terceiro lanzamento da serie. Mandou o zapatazo ao traveseiro.   

 Así se escribe a historia. O Umia tivo o 2-0 no 59, con Tamara salvando o tanto na liña de gol. Perdoou (certo, tivo poucas ocasións, pero defendeuse con orde e criterio) e acabou pagando nun partido no que a dobre T branquiazul (talentosa Anita e tanque Trabazos) soubo igualar o choque, en noite con dous lanzamentos á madeira da dianteira.  

 No primeiro período, o Umia, que levaba un ano avisando do seu potencial (a final copeira das Gaiandas o verán pasado foi unha premonición), comeuse ao "grande" nos primeiros compases. Balón á súa banda esquerda, o lateral dereito que foi unha constante hemorraxia para o Valladares toda a tempada, galopada e gol. Era o sexto minuto e o Valladares penaba unha vez máis por esa banda maldita.  

 Un ano atrás, o Valladares puxo en serios apertos ao Sárdoma neste mesmo torneo do K.O., e cando subiu deulle matarile en Segunda. Coa final do Carrasco pode suceder igual. Umia e Valladares veranse no campionato de Segunda División en poucos meses, e este título converteuse nunha excelente carta de presentación. Polo momento, as de Moisés Campos soltaron un bo bofetón. E non, as finais non están para tocar nin consentir o balón, están para gañalas.  

 O Valladares, aos poucos, foi achegándose máis á área de Patricia Casas, "House", con accións de Trabazos, fundamentalmente (disparo á escuadra, min. 13), e balóns que se pasearon orfos pola área sen que Hele ou Anita definisen. Pero iso, para unha final de Copa, era máis ben pouco. O proxecto de Moisés Campos leva tres tempadas avisando. En Barrantes, o seu excelente feudo, fixo suar sangue ao Arousa en 2017 e advertiu ás vilagarciás do rápido que crecía o Umia. Nos dous anos seguintes o once de Campos converteuse na referencia copeira da zona de Pontevedra. Con todo merecemento.  

 A segunda parte foi outra historia. O equipo vigués tivo máis o coiro e Anita liderou toda a ofensiva pola dereita. A mellor xogadora de Vigo o é por algo. Ela e Trabazos, autora do empate, tiveron varias ocasións, con "House", a gardameta do Umia, salvando unha internada con xute de Anita (min. 80). Mesmo Trabazos tivo o 1-2 no 94 (e outro traveseiro no 82), pero o seu croque foi ás mans de Casas.  

 Así, tocaba quenda de penaltis tras uns minutos finais tolos nos que tamén o Umia tivo unha galopada de Rebeca para o 2-1, pero foron os penaltis os que determinaron o campión. O Valladares empezou lanzando e Anita (0-1), Marta (1-2), Trabazos (2-3), Gloria (2-4) e Carla (3-5), por esta orde, cazaron a Copa. Cris e Pau levaron a emoción (1-1, 2-2), pero fallou Lida e, aínda que logo marcou Alba Ferré (3-4), Carla sentenciou. Sufrindo, si, pero o Valladares é o novo campión provincial.

Ningún comentario:

Publicar un comentario