Cervo acolle a estrea de Disorders, unha exposición artística colaborativa sobre saúde mental
• A mostra, que se inaugura o 10 de xuño na Casa da Cultura de San Ciprián, conta con 14 cadros realizados por pintores e ilustradores con problemas de saúde mental de diversos lugares de Galicia, entre eles un mariñán.
• A exposición forma parte do proxecto Fear of Missing Out, unha iniciativa artística multidisciplinar que inclúe música, poesía, debuxo e escultura, entre outros.
Carlos Morales, impulsor do proxecto Disorders, con obras da exposición
Ana Escrigas Rodríguez / Cervo (Lugo)
Fai catro anos, o compostelán Carlos Morales puxo en marcha un proxecto baixo o nome Fear of Missing Out, onde pretendía dar a coñecer os problemas de saúde mental en primeira persoa partindo dun disco como proposta inicial. A partir de aí, a iniciativa tomou vida propia e acabou derivando en Disorders, un proxecto artístico multicisciplinar no que participaron múltiples persoas con problemas de saúde mental de todo o mundo.
A parte plástica do proxecto naceu coa vontade de ilustrar o libreto do disco, para o cal Carlos Morales contactou con Saúde Mental FEAFES Galicia. Deste xeito, catro persoas usuarias desta entidade e das súas asociacións membro realizaron un total de 14 cadros, os cales compoñen a exposición que se presentará por primeira vez en Cervo.
Deste xeito, a Casa da Cultura de San Ciprián acollerá, do 10 ao 28 de xuño, a mostra Disorders, unha exposición de pintura e ilustracións realizadas por persoas con problemas de saúde mental procedentes de distintos lugares de Galicia. Xolo, da asociación A Mariña (Cervo); Mª Reyes Fragueiro, de Saúde Mental FEAFES Galicia (Vigo); e Michel e Ith, de DOA Saúde Mental (Cangas do Morrazo), son os autores dos cadros que compoñen esta mostra.
O acto de inauguración terá lugar o luns 10 de xuño ás 18h na propia Casa da Cultura de San Ciprián (Avenida da Mariña, 60). Nela estarán presentes Dolores García Caramés, Concelleira de Cultura en funcións; Ana Escrigas, responsable de Comunicación de Saúde Mental FEAFES Galicia; María José Novoa, directora técnica da asociación A Mariña; e Xolo, pintor participante na mostra. Estarán acompañados polas persoas usuarias da asociación A Mariña e, tras o acto de presentación, haberá un aperitivo por cortesía do Concello de Cervo.
As obras que compoñen esta mostra ilustran as cancións do disco Disorders, cada unha das cales está inspirada nun problema de saúde mental contado dende a propia experiencia dos autores. Deste xeito, os cadros ilustran doenzas como a depresión, a esquizofrenia ou trastorno bipolar, entre outros. As obras están realizadas en diversos soportes e utilizando técnicas variadas, dende óleo sobre lenzo ata bolígrafo sobre papel, incluíndo outras técnicas como acuarela, rotulador ou lapis.
O obxectivo deste proxecto é achegar un grao de area na loita contra o estigma que pesa sobre os problemas de saúde mental, un tema tabú que esta iniciativa pretende sacar á luz con normalidade, respecto, e empatía. A exposición tamén busca amosar as capacidades artísticas destas persoas. Para iso, tras ao lanzamento en Cervo, a mostra percorrerá diversas salas de toda Galicia ao longo do 2019, estando prevista a súa parada en Santiago de Compostela, A Coruña, Cangas do Morrazo e Vigo.
Os problemas de saúde mental, unha realidade invisible
Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. A pesar da súa enorme prevalencia, os problemas de saúde mental son moi pouco coñecidos e existe un gran estigma arredor das persoas que os padecen.
Por iso, é fundamental dar a coñecer a realidade da saúde mental e facelo dende unha perspectiva normalizadora, integradora e positiva. Amosar as capacidades e as habilidades das persoas con problemas de saúde mental axuda a desterrar mitos e derrubar barreiras, creando unha sociedade máis acolledora onde se valore a riqueza da diversidade.
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en 31 localidades e conta cun total de 5.900 socios.
Ningún comentario:
Publicar un comentario