A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira da Guarda premiada na IX Edición dos Premios Galicia
O vindeiro día 4 de xullo, no Círculo de Empresarios de Galicia terá lugar o acto de entrega dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos
A langosta é a raíña dos mariscos e A Guarda e onde adícaselle toda unha festa anual
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O vindeiro día 4 de xullo o Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolle a entrega dos Premios Galicia da Revista Ejecutivos, na que A Guarda e a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira foi galardoada co «Premio ao Destino Gastronómico», acto que contará cunha representación guardesa encabezada polo alcalde da vila, Antonio Lomba Baz.
A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é unha das festas gastronómicas de referencia a nivel autonómico, nacional e internacional, contando cada ano coa asistencia de milleiros de persoas que se achegan ata o Porto da Guarda, para coñecer e degustar a ampla variedade de produtos ofertados, así coma participar na diversa programación musical e de entretemento asociada á mesma.
Declarada coma Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014, a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira é un escaparate para por en valor o bo facer dos restauradores da Guarda e un dos produtos máis representativos desta vila do sur de Pontevedra como é a langosta, símbolo da Guarda dende os tempos das cetáreas, onde os pescadores comerciaban con este prezado manxar do noso mar, que levou á Guarda a coñecerse como a «Capital da Langosta».
A Rosca de Xema de A Guarda, unha sobremesa para os días grandes, ao alcance de todos
A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira naceu no ano 1991 e co paso dos anos o evento gastronómico foi crecendo en días de celebración e en variedade de produtos do mar e doces - entre eles a Rosca de Xema de A Guarda - que permitiron aumentar a oferta gastronómica e así chegar a todos os gustos. Deste xeito conseguiuse revalorizar a festa e situala no mapa das festividades gastronómicas de todo o país.
No porto instálase unha carpa de 1.000 m² con mesas e cadeiras para que os asistentes poidan degustar comodamente a lagosta e demais pratos ao seu dispór. Cada ano a oferta de animación e entretemento para adultos e pequenos multiplícase cun amplo e variado programa con actuacións de música, eventos deportivos e culturais, animación infantil, etc.
A Guarda é unha vila mariñeira. Dende os seus comezos o mar e a pesca foi o seu principal motor económico, e este factor pódese apreciar en diferentes facetas da súa paisaxe e das súas xentes, as típicas casas mariñeiras, o seu paseo marítimo, o Porto pesqueiro, a lonxa, a Praza de Abastos, entre outros.
Vista parcial dos comensais na carpa da Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira, na edición de 2018
A Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira atrae cada ano a visitantes de toda a Península Ibérica, atraídos por unha oferta gastronómica, na que ademais da afamada e exquisita langosta, tamén se inclúen outros pratos da Cociña Mariñeira como os percebes, as zamburiñas, os mexillóns, os calamares, o polbo, e tamén elaboracións como a paella, fideuá ou empanadas. Destaca tamén o apartado de doces, onde a Rosca de Xema da Guarda é a protagonista da sobremesa, un doce típico da vila, sempre acompañada dos bos caldos da D.O. Rías Baixas, subzona do Rosal.
Na edición de 2018 foron preto de 20.000 persoas as que se achegaron ata a Festa da Langosta e da Cociña Mariñeira na Guarda, unha afluencia que superou todas as espectativas e que confirman a consolidación dun evento no que a Langosta é a raíña da mesa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario