Na celebración do Día do Señor
As rúas da Guarda encheranse de cor coas Alfombras Florais
Este domingo día 23 de xuño
O labor dos veciños comeza moito antes do Corpus
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Esta fin de semana celébrase na vila da Guarda a festividade do Corpus e dende fai varias semanas moitas persoas traballan con moito esforzo e dedicación na colleita (que nalgúns casos, xa comezou no último trimestre de 2018) e preparación dos diferentes materiais que se empregarán na madrugada deste domingo día 23 de xuño, para a confección das alfombras florais e de sal, na honra do Santísimo Sacramento.
Os máis noviños tamén aportan seu valioso gran de area
Unha das adegas onde os veciños traballan no debullado dos materiais
Deste xeito, traballan arreo, tanto en horario diurno como en horario nocturno, decenas de veciñas/os do pobo, coa colaboura tamén de persoas da contorna, que, colectivamente e de modo espontáneo, organízanse para levar a cabo esta actividade, que supón a realización duns 2.300 m2 de superficie en tapices florais que lucirán, se a climatoloxía non o impide, no seu máximo esplendor, na mañanciña do domingo cando rematen os traballos dos alfombristas dos 10 tramos que se engalan con tapices florais para tan especial ocasión.
Mulleres e homes, traballando noutras das adegas
Existen informacións antigas que deixan constancia, xa dende o século XVII, da importancia da celebración do Corpus Christi na Guarda, sendo o Día do Señor unha das principais celebracións cívico-relixiosas do pobo guardés.
O primeiro documento sobre a Confraría do Santísimo Sacramento da Vila da Guarda, atópase no Libro de Contas do ano 1689 da igrexa parroquial de Santa María.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é na actualidade, a encargada de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus no pobo da Guarda, así como dar a coñecer, poñer en valor e visualizar, o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.
A EXPOSICIÓN “ALFOMBRAS DA GUARDA” CONTINÚA ABERTA NA CASA DOS ALONSO
Asemade, a asociación amósase moi satisfeita pola gran acollida da exposición “Alfombras da Guarda” que está na Casa dos Alonso (Praza do Reló) e que continuará aberta ata o próximo domingo día 23. Polo de agora, máis de 500 persoas achegáronse a visitala e agárdase que a afluencia de xente continúe ata a data de remate.
Por esa razón, dende a Asociación Cultural Alfombras da Guarda, convídase a veciños e visitantes, a participar na realización das diferentes alfombras florais que adornarán as seguintes rúas: Praza do Reló, Praza de Ignacio Sobrino (popularmente coñecida como Praza da Fariña), Rúa Oliva, Rúa Hernán Cortés, Praza de José María Lomba (popularmente O Terrado), Rúa Malteses, Varadoiro da Ribeira e tres tramos da Rúa Concepción Arenal.
É así, nunha expresión de fe e de devoción ao Santísimo Sacramento, e tamén de creación de arte efémera, é como o pobo de A Guarda conmemora o Día do Señor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario