«Alfombras Florais da Guarda»
Unha exposición fotográfica que resalta a tradición guardesa na honra do Santísimo Sacramento
· Será inaugurada o venres día 7 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa dos Alonso e poderase visitar ata o 23 de xuño
Infogauda / A Guarda
O vindeiro venres día 7 de xuño ás 20:00 horas, na Casa dos Alonso (Praza do Reló) terá lugar a inauguración da mostra «Alfombras Florais da Guarda», unha exposición fotográfica que quere resaltar o traballo realizado ao longo de moitos anos polas alfombristas da Guarda.
A exposición poderase visitar dende o venres 7 de xuño ata o domingo 23 de xuño de 11:00 a 13:30 e de 18:00 a 21:00 horas.
«Alfombras Florais da Guarda» é unha mostra que recolle o percorrido da tradición da creación de alfombras elaboradas con flores e outros materiais naturais -, como por exemplo o sal -, verdadeiras obras de arte efémera, para engalanar as rúas da vila na conmemoración da festividade do Santísimo Sacramento. Trátase dunha costume cunha longa traxectoria na vila e cunha importante bagaxe cultural vinculada ó ámbito relixioso e que sen dúbida forma parte do patrimonio cultural da vila guardesa.
A Asociación Cultural Alfombras da Guarda, creada en 2018, é a encargada na actualidade de velar pola promoción e manter a tradición histórica das alfombras florais do Corpus Christi no pobo da Guarda, así como dar a coñecer, poñer en valor e visualizar o traballo e orgullo que supón para os seus veciños, membros e colaboradores e a poboación guardesa en xeral.
Dende esta exposición abórdarse a temática desde tres puntos de vista, por unha banda o aspecto histórico, repasando os antecedentes e datas sinaladas sen os cales non se entendería a grandeza desta festividade; por outra banda o organizativo, amosando como se coordinan e elaboran as alfombras, e xa para finalizar o aspecto dos percorridos, representando as rúas onde se realizan as alfombras, os rezos e bendicións e demais celebracións asociadas a este evento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario