Alejandro Lorenzo será o deputado provincial do Partido Popular, polo partido xudicial de Tui
• Os representantes locais dos concellos que integran o partido xudicial reuníronse co presidente provincial para propoñer ao candidato.
• “Intentaremos que vaian os mellores representantes, porque gobernando ou estando na oposición temos claro que os intereses de Pontevedra teñen que estar por riba de todo”, sinala Rueda.
O presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda Valenzuela e o secretario xeral, Xosé Manuel Cores Tourís, cos representantes locais dos concellos do partido xudicial de Tui –Mos, Salceda, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, A Guarda e O Porriño- na reunión que mantiveron esta tarde
Infogauda / O Baixo Miño
O representante do Partido Popular na Deputación de Pontevedra polo partido xudicial de Tui será Alejandro Lorenzo, candidato do Partido Popular do Porriño. Así o decidiron os representantes locais dos concellos que conforman este partido xudicial –Mos, Salceda, Tui, Tomiño, Oia, O Rosal, A Guarda e O Porriño- na reunión que mantiveron esta tarde co presidente provincial do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda Valenzuela e co secretario xeral, Xosé Manuel Cores Tourís.
Alejandro Lorenzo terá que ser ratificado nos próximos días na xunta electoral de zona cos votos dos concelleiros populares. Unha vez que tome posesión, substituirá na corporación provincial a Santiago Rodríguez Davila, candidato do PP en Salceda, que accedeu ao escano en 2017 despois de que a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o ocupase durante os dous primeiros anos de mandato.
Coa designación de Alejandro Lorenzo xa están nomeados os deputados populares por Tui, Ponteareas, Lalín e A Estrada, e quedan pendentes de designar os de Cambados –que esta mesma tarde terán a reunión da zona- Vigo e Pontevedra.
Alfonso Rueda destaca que “estamos escoitando a todos os candidatos dos sete partidos xudiciais, para entre todos e por consenso elixir ás persoas que van representar ao PP na Deputación de Pontevedra. Intentaremos que vaian os mellores representantes, porque gobernando ou estando na oposición temos claro que os intereses de Pontevedra teñen que estar por riba de todo”.
No próximo mandato os populares contarán con once deputados na corporación provincial. Ademais do deputado de Tui, o PP conta con outros tres no partido xudicial de Pontevedra, dous no de Cambados, dous no de Vigo, e un nos de Ponteareas, Lalín e A Estrada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario