Preto de 70 persoas promoven a saúde mental a través do deporte nunha xornada de convivencia
• O vindeiro luns 17 de xuño, preto de 70 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda Galicia xuntaranse na contorna de A Coruña para gozar dunha xornada de deporte e convivencia.
• O encontro, organizado pola Escola de Tenis Marineda e por Saúde Mental FEAFES Galicia, incluirá actividades de tenis, pádel, fútbol e baloncesto sen ánimo competitivo.
Usuarios de FEAFES Galicia xogando ao fútbol
Ana Escrigas Rodríguez / A Coruña
O vindeiro luns 17 de xuño, a Escola de Tenis Marineda acollerá nas súas instalacións en A Barcala (Cambre) o “I Encontro Deporte e Saúde FEAFES” organizado pola citada escola en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia. Neste encontro, que se desenvolverá ao longo da mañá de 11h a 15h, participarán preto de 70 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda Galicia.
As persoas que participarán nesta actividade pertencen a diversas asociacións federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Albores (Monforte), Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal (Narón), APEM (A Coruña, Culleredo, Betanzos, Carballo, Cee e Vimianzo), Andaina (Dodro e Ordes), Saúde Mental FEAFES Galicia (A Coruña), A Creba (Noia e Ribeira), Avelaíña (A Guarda e Ponteareas) e Morea (O Barco de Valdeorras).
O obxectivo deste encontro é promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. Ademais, esta actividade permite aos seus participantes romper coa rutina, relacionarse con outras persoas e socializar, mellorando así o seu autoestima e benestar.
Tras a xornada deportiva, realizarase unha foto de grupo e, posteriormente, os participantes gozarán dunha comida de convivencia na Escola de Tenis Marineda.
Saúde Mental FEAFES Galicia
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con enfermidade mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a adopción de medidas que contribúan á mellora da calidade de vida das persoas que teñen problemas de saúde mental e a dos seus familiares.
O ámbito de actuación de Saúde Mental FEAFES Galicia abrangue todo o territorio autonómico. Actualmente agrupa a 14 asociacións repartidas por toda a comunidade galega, posúe centros e servizos en máis de 30 localidades e conta con arredor de 7.000 socios.
Escola de Tenis Marineda
A Escola de Tenis Marineda naceu en marzo de 1997 da man dos irmáns Juan e Miguel A. Hernández Rey co obxectivo de popularizar a ensinanza do tenis e facela absequible a todos os públicos, sen a imperiosa necesidade de pertencer a un club privado.
Arrinca con 24 alumnos e a ilusión de ir aumentando tanto a calidade da ensinanza como os servizos ofrecidos. Hoxe en día conta cunha dilatada traxectoria e recoñecemento na ensinanza do tenis (incluído o tenis en cadeira de rodas) e do pádel, contando cunhas boas instalacións e un destacable número de alumnos. Organiza anualmente varias ligas e rankings, ademais de tres torneos para todas as categorías con importantes premios nos que conta cunha masiva participación entre os xogadores coruñeses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario