Galicia máxica. Romarías e santuarios
Gustav Henningsen, fotografías etnográficas (1965-1968)
Infogauda / Santiago de Compostela
Este mércores, 29 de maio, ás 19:30 no Museo do Pobo Galego, preséntase a exposición “Galicia máxica. Romarías e santuarios. Gustav Henningsen, fotografías etnográficas (1965-1968)”.
En 1965 o doutor en antropoloxía Gustav Henningsen (Slagelse, Dinamarca, 1934) chegou a Galicia, cunha bolsa da Universidade de Copenhague, co fin de investigar para a súa tese doutoral, crenzas e tradicións vinculadas á historiografía da bruxería. Durante tres anos, xunto a súa muller Marisa, percorreu pobos e aldeas, achegándose a todo tipo de ritos e prácticas ancestrais, que recompilou nunha valiosa documentación fotográfica e oral, recollida coa axuda dunha cámara e un básico magnetófono. No ano 2015, o Museo do Pobo Galego dedicou unha mostra e unha documentada publicación a este acreditado folclorista danés, con imaxes realizadas na comarca de Ordes, e tituladas Galicia máxica: reportaxe dun mundo desaparecido. Fotografías etnográficas 1965-1968.
Esta nova cita, dando continuidade á anterior, está encabezada polo epígrafe Galicia Máxica, e aplícase a amosar en máis de oitenta fotografías os santuarios e romarías galegos máis significativos, un rigoroso traballo de campo que Henningsen levou a cabo a mediados da década dos sesenta. No inventario fotográfico de Henningsen, contémplanse os dous ámbitos que motivan as romarías como espazo para o sacro e o profano. Os dominios milagreiros coas procesións, as propiedades sandadoras, as ofrendas e exvotos, as poxas na Lanzada... acábanse por entrecruzarse cos festexos ao aire libre, as reunións e animadas celebracións festivas.
AXENDA: Do mércores 29 de maio ao domingo 22 de setembro
Horario: de martes a sábado, 10:30-14:00 e 16:00-19:30 domingos e festivos, 11:00-14:00
Ningún comentario:
Publicar un comentario