14 de maio de 2019

SANTIAGO DE COMPOSTELA

A ORQUESTRA FOLK SONDESEU E O GRUPO O FIADEIRO, DIRIXIDOS POR RODRIGO ROMANÍ, NO CONCERTO DAS LETRAS GALEGAS

Organizado polo Consello da Cultura Galega, terá lugar o xoves día 16 de maio, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela



Infogauda / Santiago de Compostela

 O Consello da Cultura Galega organiza o Concerto das Letras Galegas no que a orquestra folk SonDeSeu e o grupo O Fiadeiro, dirixidos por Rodrigo Romaní, interpretarán un repertorio baseado na recreación da música popular e no que salienta a Suite Cotobade, creada para a ocasión como homenaxe a Antonio Fraguas, protagonista do Día das Letras Galegas 2019. 

 O concerto terá lugar o xoves, 16 de maio de 2019, ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.  

 O acceso é libre e gratuíto ata completar a capacidade da sala. Para asistir ao concerto é necesario retirar previamente as entradas no Teatro Principal de Santiago de Compostela (2 entradas máximo por persoa, dispoñibles a partir do 9 de maio) ou no Auditorio de Galicia o propio día do evento.   

- Despacho de billetes do Teatro Principal: aberto de martes a sábado (+ días de evento) de 18.00 a 21.00h. Os días que hai evento no Teatro, a entrega anticipada remata ás 20.00h. Teléfono: 981 542 349.  

- Despacho de billetes do Auditorio de Galicia. Aberto só os días de espectáculo desde 1h 30 min antes do comezo do mesmo. Teléfono: 981 571 026.

Ningún comentario:

Publicar un comentario