14 de maio de 2019

SANTIAGO DE COMPOSTELA

 PATRIMONIO

"A metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da USC" 

Martes, 21 de maio de 2019, a partir das 17:00 horas no Consello da Cultura Galega   
     
Machados do depósito de Senra (Ortigueira, A Coruña) 
Fotografía de Federico Maciñeira Pardo de Lama

Infogauda / Santiago de Compostela

 Organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, o martes, 21 de maio de 2019, a partir das 17:00 horas no Consello da Cultura Galega terá lugar o Encontro Abrindo vitrinas: a metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica da USC, incluído nos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural.

 Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural son unha iniciativa levada a cabo pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG que comezou en novembro de 2015. Nesta ocasión abordarán a metalurxia do Bronce Final na colección arqueolósica da USC. Os depósitos metálicos constitúen unha das manifestacións arqueolóxicas máis enigmáticas da Europa atlántica. A ocultación intencional de inxentes cantidades de metal –a xeito de acubillos– durante a Idade do Bronce e inicios da Idade do Ferro, así como o achado fortuíto dos artefactos que integraban estes depósitos, veñen cativando a atención de anticuarios, coleccionistas, arqueólogos e público en xeral dende o século XIX.       

 A colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela inclúe unha vintena de obxectos metálicos do Bronce Final, aos que nos vimos achegando a través de varios proxectos de investigación liderados polo Incipit-CSIC. O traballo desenvolvido artéllase arredor de catro eixes principais: 1) o estudo da historia e vicisitudes das pezas que compoñen a colección –procedentes na súa maioría das antigas coleccións de Santiago de la Iglesia, Federico Maciñeira e José Viqueira Barrio–, que permitiu recuperar interesante documentación inédita; 2) a súa caracterización arqueométrica mediante técnicas diversas; 3) a restauración das pezas, e 4) a montaxe dunha exposición que abrirá as súas portas este verán.       

 O obxectivo deste encontro é presentar unha síntese destes traballos, que achegan información de grande interese e contribúen notablemente á revitalización desta colección, conformando un modelo de investigación-conservación-revalorización que se poderá aplicar no futuro a conxuntos semellantes doutros museos e coleccións visitables.       

 O Encontro, coordinado por Rebeca Blanco-Rotea e Xosé-Lois Armada, contará coa participación de Xosé-Lois Armada, Yolanda Porto Tenreiro, Antoni Nicolau e Beatriz Comendador.

Ningún comentario:

Publicar un comentario