Alfonso Rueda: “Carmen Alonso garante traballo e xestión eficaz para que O Rosal siga avanzando nos vindeiros catro anos”
• O presidente provincial destaca o seu talante integrador e dialogante e a súa determinación por chegar a acordos que permitan sacar adiante os proxectos
• A candidata á Alcaldía presentou a lista de 15 nomes coa que concorrerá ás eleccións municipais do vindeiro día 26 coa intención de gobernar para todos os veciños “sen excepcións”
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda con María del Carmen Alonso Alonso, alcaldesa do Rosal e candidata á reelección, xunto con membros da súa candidatura e compañeiras/os do Partido Popular da provincia de Pontevedra e da comarca do Baixo Miño
Infogauda / O Rosal
O presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, afirmou onte martes día 7 de maio, que Mª del Carmen Alonso Alonso “garante traballo e xestión eficaz” para que O Rosal poda seguir avanzando nos vindeiros catro anos. Neste sentido, puxo en valor a súa experiencia de 15 anos ocupando distintas responsabilidades no Concello da localidade, contribuíndo e dando impulso, xa como alcaldesa dende 2018, á labor desenvolvida polo seu precedesor, Jesús María Fernández Portela.
Durante o acto de presentación da lista coa que Mª del Carmen Alonso concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio, o presidente provincial destacou o talante “dialogante e integrador” da candidata, así como a súa vocación de servizo, compromiso incansable cos veciños e determinación por sacar adiante os proxectos clave para O Rosal en infraestruturas, saneamento, urbanismo ou instalacións deportivas, entre outras materias.
“Mª del Carmen Alonso é das persoas que saben pedir, que saben negociar e que saben ter boa interlocución co resto das administracións para conseguir sacar adiante os pláns necesarios”, suliñou.
“O Partido Popular presenta a mellor candidata e o mellor equipo posible en O Rosal”, engadiu Alfonso Rueda, incidindo en que o PP, un partido que ten experiencia e balance de xestión, “vai sair a gañar” ás eleccións en todos os concellos de Galicia, confiando en obter un gran resultado o vindeiro día 26. Para elo apelou a unir forzas en torno ao proxecto dos populares para conquerir gobernos fortes e sólidos.
Pola súa banda, María del Carmen Alonso, que estivo arroupada por diferentes cargos e candidatos do partido na comarca do Baixo Miño, manifestou a súa vontade de gobernar “para todos os rosaleiros sen excepcións” se sae reelexida alcaldesa. “Ante todo somos veciños e a miña prioridade será sempre atender aos veciños. Farei todo o que esté nas miñas mans por dar respostas aos problemas do día a día”, deixou claro Alonso antes de presentar a súa candidatura, integrada por 15 persoas.
Nota da Redacción de Infogauda: Información publicada o día 07.05.2019 e actualizada o día 08.05.2019.
Nota da Redacción de Infogauda: Información publicada o día 07.05.2019 e actualizada o día 08.05.2019.
Ningún comentario:
Publicar un comentario