7 de maio de 2019

MEDIO AMBIENTE

Un total de 163 areais, portos, sendeiros e aulas-centros de natureza galegos lucirán o distintivo de bandeira azul este verán  

A comunidade galega ocupa a primeira posición no número de recoñecementos para os sendeiros azuis cun total de 29, dos cales os sendeiros de Praia de Abrela- Punta Socastro (Fuciño do Porco) e a Ruta Montes e Praias en Marín o reciben por primeira vez

Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis con 107 bandeiras para os areais de 31 concellos, ás que se engaden os distintivos para os 12 portos deportivos e os 15 para os centros azuis  

Os concellos que ostentan o maior número de bandeiras azuis para os seus areais son na provincia da Coruña: Boiro, Arteixo, Oleiros e A Coruña; na lucense, Foz; e na provincia de Pontevedra, Sanxenxo, que é o concello de España que acumula o maior número de distintivos para os seus areais, seguido de Vigo, Cangas, Marín e Baiona  

Os areais de Abrela (O Vicedo), Samil (Vigo), Loira (Marín) e Panadeira (Sanxenxo) volven a obter este distintivo que non recibiran na pasada edición  A rexión galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis outorgadas a praias españolas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor 

Dúas praias de A Guarda (Area Grande - na imaxe - e O Muíño (Camposancos), distinguidas novamente con bandeiras azuis. Tamén voltou a ser galardoada co distintivo Sendeiro Azul á Senda Litoral de A Guarda
Foto: Infogauda
 
Infogauda / Santiago de Compostela

  A Xunta de Galicia recoñece o labor dos concellos galegos para manter a nosa Comunidade como a autonomía española nunha das primeiras posicións co maior número de bandeiras azuis en 2019. Galicia mantén a súa posición na clasificación nacional de bandeiras azuis recibidas para os areais galegos, con 107; que se eleva a 169 distincións para praias, portos deportivos, sendeiros e aulas e centros da natureza.

 Galicia mantén a súa segunda posición no número total de areais que contan con bandeira azul, despois de Valencia con 135 distincións. Deste xeito, a comunidade galega acapara case un 20% das 566 bandeiras azuis totais outorgadas en España pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC) aos areais, e vai seguida no ranking nacional pola Comunidade catalana (97 bandeiras),e pola andaluza (79).

 Nesta nova edición, o Concello de Sanxenxo volve repetir posición como o concello galego -e do conxunto do Estado- con máis bandeiras azuis, con 14 praias distinguidas. Na provincia de Pontevedra, destacan tamén o Concello de Vigo, que suma 10 en 2019; Cangas do Morrazo (7), Marín e Baiona, con 5 cada concello.

DÚAS PRAIAS DE A GUARDA E A SENDA LITORAL LOGRARON ÁS CORRESPONDENTES DISTINCIÓNS

 O Concello de A Guarda volta a contar con dúas praias con bandeiras azuis: Area Grande e O Muíño (Camposancos).

 Tamén volta a contar co galardón de Sendeiro Azul, a Senda Litoral de A Guarda.

 Na provincia da Coruña, os municipios de Arteixo e Boiro son os que máis recoñecementos deste tipo obteñen este ano, con sete -ao igual que en 2018-; seguido de Oleiros e A Coruña, con cinco areais distinguidos.

 Polo que respecta á provincia de Lugo, Foz é un ano máis o concello máis recoñecido, con cinco galardóns para as praias de Areoura, Peizás, Llás, As Polas e A Rapadoira; mentres que perde o distintivo para a praia da Pampillosa.

 Os criterios esixidos para a obtención de bandeiras azuis están relacionados coa calidade das augas, que ten que ser excelente; a seguridade, a completa dotación de servizos, a accesibilidade, a atinada xestión ambiental e a sustentabilidade dos areais e das dársenas.

 Cómpre destacar a primeira posición que ocupa Galicia en canto aos distintivos de sendeiros azuis, xa que suma 29 itinerarios que enlazan praias ou portos con bandeira azul e contribúen ao uso sostible do litoral. Por primeira vez, o sendeiro Praia de Abrela- Punta Socastro (Fuciño do Porco) e o tramo Ruta Monte e Praias da Rede de sendeiros azuis de Marín lucirán este distintivo.

Portos deportivos, centros e sendeiros azuis

 En relación aos portos deportivos, en 2018 Galicia obtén 12 galardóns, sendo a provincia de Pontevedra a primeira en encabezar a lista con seis portos, seguida por A Coruña con cinco e un na provincia de Lugo.

 É de destacar que Galicia tamén recibe a distinción para 15 centros azuis. O requisito para converterse en centro azul para un concello con bandeira azul ás súas praias ou portos, é a existencia dun centro de visitantes, aula do mar ou de natureza que ofreza educación ambiental sobre os ecosistemas litorais e o desenvolvemento sostible, así como información específica e/ou actividades relacionadas co programa Bandeira Azul.

 O municipio que queira optar a esta distinción debe presentar un dossier xustificativo da súa proposta, así como, ao ano seguinte, a memoria anual da actividade, xunto coa súa candidatura, que xustifique o mantemento da súa condición como centro azul en anos sucesivos. Por estes motivos, a Xunta de Galicia felicita aos concellos de Bueu, Sanxenxo, Illa de Arousa, Redondela, Marín, Oleiros, Boiro, A Laracha, Camariñas, Burela e Cervo, por ser quen de manter estes recoñecementos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario