8 de maio de 2019

GOIÁN

David Leirós, do CEIP Pintor Antonio Fernández, gaña o concurso de debuxos para o cartaz da Festa das Trincadeiras 2019 

O fallo do xurado, formado por varios artistas e persoas relacionadas ca arte, produciuse o venres pasado


David Leirós Fernández amosando o seu debuxo, xunto con varios alumnos de 5º de Primaria do CEIP de Goián
Foto: C. T.

Infogauda / Goián

 David Leirós Fernández, de 5º de Primaria do CEIP de Goián (Tomiño) foi o gañador do concurso de debuxos para a creación do cartaz anunciador da décima edición da Festa das Trincadeiras, que se celebrará o 15 de xuño próximo.  

 O  debuxo de David Leirós foi elixido entre medio centenar de obras realizadas polo alumnado de 5º e 6º de Primaria do CEIP Pintor Antonio Fernández. O xurado estivo formado por escultores, pintores e persoas relacionadas ca arte, coma Magín Picallo, Cuqui Piñeiro, Carlos Fernández, Eulalia Jackson e Zara Pousa.  

 O pasado 26 de abril presentouse no Centro Goianés o programa da X Festa das Trincadeiras na que haberá actuacións, xogos, exposicións de fotografías, concursos de arroces, sobremesas  e cilantro, etc.  

 Os debuxos estiveron expostos dende ese día ata o  pasado venres día 3 de maio, en que se seleccionou o gañador, que foi obsequiado cun lote de libros doados por Edicións Xerais.  

 Como punto final daquela presentación, as persoas asistentes puideron  visionar o vídeo “O espírito das Trincadeiras”, dirixido por  Senén Outeiro.  

 Toda a información sobre a historia desta festa e as actividades que se van realizar, pódense consultar na páxina de Facebook “Festa das Trincadeiras”.  

 A Romería das Trincadeiras, é unha festa enxebre onde os veciños e veciñas de Goián celebran dende o ano 1990, a defensa do monte comunal das Trincadeiras, que se pretendía expropiar e utilizar para a construción da autopista Vigo-Porriño. Goián opúxose a esta expropiación e, tras acadar o seu propósito, celebra cada ano o espírito das Trincadeiras. Os veciños acuden a esta romaría lembrando aquel movemento que alzou a todos en pé de garda, subidos nos chimpíns e tractores que desfilan ata o lugar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario