MARÍA DEL CARMEN ALONSO, ALCALDESA E CANDIDATA POPULAR Á ALCALDÍA DO ROSAL, XUNTO A ROBERTO JOSÉ ÁLVAREZ CARRERO, CANDIDATO POPULAR Á ALCALDÍA DA GUARDA PACTAN A CONSTRUCIÓN DUN PAVILLÓN POLIDEPORTIVO CONXUNTO ENTRE AMBOS OS MUNICIPIOS EN CASO DE GOBERNAR
A zona proxectada, visitada in situ por ambos os candidatos, comprendería o barrio guardés da Gándara e o rosaleiro da Cunchada
María del Carmen Alonso Alonso e Roberto José Álvarez Carrero
Infogauda / A Guarda / O Rosal
No día de hoxe, domingo 5 de maio, María del Carmen Alonso Alonso, alcaldesa e candidata popular á alcaldía do Rosal, xunto a Roberto José Álvarez Carrero, candidato popular á alcaldía da Guarda, mantiveron unha reunión na que pactaron, en caso de gobernar, a construción dun pavillón polideportivo conxunto entre ambos os concellos. A zona proxectada, visitada in situ por ambos os candidatos, comprendería o barrio guardés da Gándara e o rosaleiro da Cunchada, onde parte dos terreos son municipais, lindeiros e con fácil acceso ao viario e estradas interiores que unen os municipios.
Dita idea, xurdida anos atrás, tomou corpo despois das diversas reunións mantidas por ambos os candidatos con veciños, deportistas e diferentes sectores deportivos dos municipios.
Para María del Carmen Alonso: “A construción dun pavillón polideportivo conxunto entre O Rosal e A Guarda era algo que se barallaba hai anos, máxime coa cantidade de equipos e deportistas que temos, aínda que nunca se lle deu forma nin houbo compromiso expreso. Cando Roberto lembroume a idea non dubidei en responder positivamente. Entendo que o custo, xestión e mantemento dun novo pavillón sería beneficioso para ambos os concellos e daría servizo real ás necesidades dos clubs e deportistas dos nosos municipios. Sen ningunha dúbida, retomar esta idea é algo bo e beneficioso para O Rosal”.
En palabras de Roberto José Álvarez Carrero: “A construción dun gran pavillón polideportivo na Guarda é unha demanda constante de veciños, clubs e deportistas. Os problemas que expoñen os pavillóns actuais que temos na Guarda son coñecidos por todos, sen esquecer as limitacións urbanísticas e dotacionais que temos. Cremos que os parches en instalacións obsoletas só serven para saír do paso pero que, a longo prazo, non conducen a nada positivo. A construción dun gran pavillón polideportivo conxunto entre O Rosal e A Guarda, coa posibilidade futura de crear tamén unha gran zona deportiva no Baixo Miño, é algo beneficioso para A Guarda e a súa zona de influencia polas sinerxias que se poden xerar. Tanto A Guarda como O Rosal merécense o mellor e xuntos podemos logralo”.

Ningún comentario:
Publicar un comentario