5 de maio de 2019

CULTURA

O artista mariñán Xolo exhibe unha escolma da súa obra en Santiago de Compostela

• O artista, usuario da asociación de saúde mental A Mariña, recolle na mostra “Sensacións” 15 cadros dos máis de 600 que ten realizado, os cales poderán visitarse na Tapería A Avoa durante o mes de maio. 

• O martes 7 de maio celebrarase un acto de inauguración ás 17h no que intervirá o propio artista xunto á directora técnica da asociación A Mariña, María José Novoa.  

 
Ana Escrigas Rodríguez / Santiago de Compostela

 O artista mariñán Xolo, usuario da asociación de saúde mental A Mariña, inaugura o vindeiro martes 7 de maio a mostra pictórica “Sensacións”, unha escolma de 15 cadros que o artista foi realizando ao longo da súa dilatada traxectoria.  

 A exposición poderá visitarse do 7 ao 31 de maio de 2019 na Tapería A Avoa (Rúa das Casas Reais nº 18) en Santiago de Compostela. O martes 7 de maio celebrarase un acto de inauguración ás 17h, no cal intervirá o propio artista, Xolo, e a directora técnica da asociación A Mariña, María José Novoa.  

 Os cadros que se poderán visitar nesta mostra son pintura ao óleo e presentan unha temática variada, se ben en todos eles destaca especialmente o estilo do autor: composicións de imaxes de cores con pinceladas puntillistas e liñas ondulantes. “Esta mostra está composta por 15 obras escollidas entre máis de 600 cadros, e agardo que a xente goce véndoa tanto como eu o fixen mentres creaba”, declara Xolo. 

Unha vida dedicada á arte 


 Xolo, artista mariñán

 Xolo naceu en Ourol e recoñece que “a arte é toda a miña vida”. Tal e como relata el mesmo, comezou a súa carreira artística aos 5 anos; aos 8 mercou as súas primeiras acuarelas e fixo unha copia dunha obra de Velázquez. Tras gañar múltiples concursos artísticos na súa etapa escolar, en 1987 trasladouse a Salamanca para estudiar Belas Artes. A finais do 2º curso, unha enfermidade mental impediulle seguir pintando ata 2005, cando retoma a pintura e comeza a expoñer cun notable éxito. 

 Dende que forma parte da asociación de saúde mental A Mariña, Xolo participou en numerosos certames de pintura e realizou exposicións en diversos lugares da comarca mariñá. “Esta é a primeira vez que expoño en Santiago de Compostela, a capital de Galicia, e estou moi agradecido por poder ensinar aquí a miña obra e labor”, asegura. 

 Neste senso, Xolo e a asociación A Mariña queren agradecer especialmente a colaboración de Chema, xerente do local A Avoa, por abrir as portas do seu establecemento a esta exposición, así como pola súa sensibilidade e empatía cara as persoas con problemas de saúde mental.

Traballando pola saúde mental en A Mariña 

 Asociación de Axuda ó Enfermo Mental A Mariña naceu en 1999 e foi fundada por familias afectadas por problemas de saúde mental que uniron os seus esforzos para loitar por un obxectivo común: lograr que aos enfermos mentais e ás súas familias se lles preste unha axuda e asistencia continuada, buscando a integración dos mesmos na sociedade e traballando, para iso, na súa rehabilitación psicosocial e laboral.  

 Actualmente conta con máis de 200 socios colaboradores e con 75 usuarios, que se benefician dos servizos prestados nos Centros de Rehabilitación Psicosocial e Laboral de Burela e de Ribadeo, na vivenda tutelada de Burela e na Unidade Residencial de Cervo. Forma parte, xunto a outras 13 asociacións galegas, da federación Saúde Mental FEAFES Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario