SMART MINHO PROMOVE ENCONTROS ENTRE TÉCNICOS MUNICIPAIS PARA FACER DA PROMOCIÓN E CREATIVIDADE CULTURAL UN DOS ATRACTIVOS DO TERRITORIO DO RÍO MIÑO
A axenda de traballo iniciouse cunha primeira reunión en Tui con persoal técnico municipal de cultura galego
O obxectivo é a organización dunha actividade cultural singularizada que poña en valor o territorio do río Miño
Persoal técnico do proxecto Smart Minho, liderado pola Deputación de Pontevedra, mantivo esta semana unha reunión de traballo con axentes técnicos de municipios galegos
Foto: D. PO.
Infogauda / Tui
Persoal técnico do proxecto Smart Minho, liderado pola Deputación de Pontevedra, mantivo esta semana unha reunión de traballo con axentes técnicos de municipios galegos no que supuxo o punto de partida dun proceso de reflexión sobre a cultura transfronteiriza, que ten por obxecto promover a organización dunha actividade cultural singularizada que valorice o territorio do rio Minho.
A axenda de traballo iniciouse con esta reunión, que tivo lugar en Tui, e continuará ao longo dos próximos meses con reunións en Portugal con persoal técnico de cultura dos municipios lusos e, finalmente, con encontros conxuntos.
Este proceso de reflexión parte do convencemento de que é preciso aproveitar as sinerxías e o potencial creativo existente en ambas as marxes do Río Miño Transfronteirizo (Festival da Poesía do Condado en Salvaterra, Festival de Cans en Porriño, Play Doc e IKFEM en Tui, Paredes de Coura, Bienal de Escultura de Tomiño e Vilanova da Cerveira, etc.).
Esta iniciativa desenvólvese no marco da actividade de dinamización de experiencias culturais conxuntas para achegar aos axentes territoriais e involucrar ás poboacións nos procesos de cooperación do proxecto Estratexia de Cooperación Intelixente Rio Minho Transfronteirizo, Smart Minho.
Os obxectivos desta acción son achegar aos axentes territoriais que se moven no campo da cultura, dinamizar redes de traballo conxunto no campo cultural, e facer unha reflexión colectiva sobre as potencialidades da cultura eurorrexional como elemento diferenciador do territorio.
Expertos en industrias culturais, valor cultural e cultura compartida da Eurorrexión de Galicia e Norte de Portugal, asociacións, empresas, artistas e axentes culturais do territorio; representantes de proxectos relevantes doutras rexións europeas e representantes de organismos públicos configurarán os actores clave a mobilizar nos próximos meses.
Smart Minho
O proxecto denominado “Estratexia de Cooperación Intelixente Rio MinhoTransfronteirizo”, Smart Miño, está cofinanciado ao 75 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal (POCTEP) 2014-2020.
Ningún comentario:
Publicar un comentario