Iglesias: “En política, como na vida, un ten que ser valente nos momentos importantes"
· A candidata de Cs á alcaldía da Guarda, Fany Iglesias, inicia a campaña electoral no Centro Cultural da Guarda
Fany Iglesias Ferreira e compoñentes da candidatura de Cs, no acto de presentación no Centro Cultural da vila
Infogauda / A Guarda
A candidata á alcaldía Cidadáns A Guarda, Fany Iglesias Ferreira, iniciaba a súa campaña electoral no Centro Cultural da Guarda.
O acto comezaba coa intervención de Rafael Rodríguez Amenedo, número 2 do equipo, facendo referencia á candidatura e ao proxecto. Na súa intervención realizou un repaso a todas as iniciativas presentadas e defendidas no pleno da Guarda durante estes catro anos pola hoxe candidata á alcaldía, á que pasou a presentar como persoa con “ampla experiencia política, con tesón e traballadora, próxima, amable e cun claro talante de servizo á cidadanía máis que demostrable”.
A continuación, foi a candidata quen tomou a palabra comezando o seu discurso expresando que “en política, como na vida, un ten que ser valente nos momentos importantes”. Entre os problemas máis importantes que nestes momentos padecen e preocupan aos veciños están “o saída sur e as obras de Concepción Arenal, a falta de previsión do goberno existente e as irresponsabilidades cometidas polos partidos maioritarios da oposición, BNG e PP, durante toda a lexislatura, dedicados máis a defender as súas siglas e a súa propaganda política que a resolver as verdadeiras necesidades dos guardeses”.
Fany Iglesias fixo referencia aos logros alcanzados cun único representante na corporación, entre os que destacou “as rehabilitacións da rúa A Cal, a contorna do cruceiro Pinto ou a 2ª Transversal do Coruto Vello, a rotonda de san Roque, a compra de Fínola para a próxima ampliación da Alameda”.
Tamén lamentou as dúas ocasións nas que defendeu a apertura do saída sur, sen contar co apoio de ningún dos partidos políticos que hoxe levan nos seus programas que o saída sur é prioritaria.
Fany Iglesias aproveitou para adiantar algunhas das propostas que aparecerán no programa de Cs A Guarda, como a inminente apertura do saída sur, a creación dunha pista multideporte integrada nunha paraxe cun deseño que integra e conxuga o deporte e a natureza de forma incrible, a creación dun servizo que proporcione asesoramento e solución aos veciños afectados polos erros catastrais, o deseño de estratexias de emprendemento e orientación laboral a través da creación dun plan de emprego municipal, o compromiso co urbanismo realizando unha proposta global, transparente e consensuada cos veciños para a elaboración do PXOM, ou a prioridade que a partir do primeiro momento terá a cohesión social, para non deixar a ninguén atrás.
Ningún comentario:
Publicar un comentario