A Mostra Asociativa consolídase na súa terceira edición
Compoñentes da Asociación Cultural Alfombras da Guarda fixeron un tapiz floral na entrada principal da Alameda
Fotos: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
O pasado sábado día 11 de maio de 2019 a Alameda foi o lugar escollido para a celebración da terceira edición da Mostra Asociativa, un evento multicultural no que as asociacións da vila foron as protagonistas dando a coñecer o seu traballo a todos os asistentes cunha gran programación de actividades que comezou cun xantar popular, a escote, no que participaron a meirande parte dos 30 colectivos desta edición.
Participantes nnha das actuacions conxuntas que houbo ao longo da tarde
Ás 16:00h arrancaba oficialmente esta III Mostra Asociativa cunha actuación conxunta entre A Boalleira e Na Revolta, nunha xornada cunhas temperaturas excepcionais que promoveron unha afluencia de asistentes que se mantivo ao longo da tarde, aproveitando a diversidade de propostas para todas as idades.
A Alameda da vila converteuse no punto de reunión con postos individuais de cada colectivo, nos que tamén se realizaron actividades paralelas e se informou máis pormenorizadamente sobre os servizos e obxectivos de cada asociación/colectivo, destacando a realización dunha alfombra floral, a práctica deportiva de remo ergómetro, un obradoiro de hockey e patinaxe, un obradoiro de decoración de palma, un obradoiro de henna, un obradoiro de chapas, unha exhibición de patinaxe en monopatín, xogos, circuito e actividades de airsoft, obradoiro de nós mariñeiros, sopas de letras, aparellos mariñeiros, photocall entre outras.
A actuación de Xerock puxo broche de ouro a III Mostra Asociactiva
A tarde continuaba intercalando numerosas actividades conxuntas entre varios colectivos, coma a exhibición de Danza Centro Do-Majó, a actuación conxunta entre a Asociación Vento Mareiro, Rock´n´Rolla, Xamaraina e o Coro Arpegios-Cantábile, a actuación da Banda de Música da Agrupación Musical de A Guarda, o serán coas actuacións dos grupos Do Lusco ó Fusco e Vento Mareiro, a actuación das Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa e xa para por o broche final a actuación de Xerock.
Dende o Concello de A Guarda agradecen unha vez máis o traballo, constancia e compañeirismo das asociacións da vila, o que favorece a realización deste tipo de iniciativas, moi importantes para por en valor a colectivos que apostan pola vila e polo dinamismo da mesma, cada unha no seu ámbito de actuación.



Ningún comentario:
Publicar un comentario