24 de maio de 2019

A GUARDA

LUIS VILLARES, VOCEIRO DE EN MAREA VISITA Á VILA PARA ARROUPAR OS PROXECTOS DE EN MAREA A GUARDA

Estivo acompañado por Ana Seijas, vice voceira de En Marea

Luis Villares e Ana Seijas, voceiro en vice voceira de En Marea, respectivamente, con Isabel Lidia González, candidata á Alcaldía de A Guarda, e varios candidatos de En Marea
 
Infogauda / A Guarda

 O voceiro de En Marea fai un chamamento para que a cidadanía permita cos seus votos que, a partir do vindeiro domingo, os concellos galegos conten con gobernos comprometidos co benestar das maiorías sociais e co impulso de políticas progresistas. É a mensaxe que Luís Villares deixou na Guarda ata onde se desprazou acompañado da vice voceira, Ana Seijas, para arroupar os proxectos de En Marea A Guarda.

VILLARES REIVINDICOU QUE O PORTO GUARDÉS CONTE CANTO ANTES COA SAÍDA SUR

 O voceiro reivindicou a necesidade de que o porto guardés conte o antes posible cunha saída sur que mellore e impulse os seus tráficos.  

 “No 2015 as Mareas municipais chegaron non coa intención de ser un simple apoio aos gobernos locais do PSOE. Viñeron para reemprazar completamente a quen non estaban exercendo como voceiros da cidadanía e do bloque progresista”, destaca o voceiro de En Marea, que reivindica as Mareas locais como a única garantía dun cambio nos Concellos galegos. “As Mareas municipais son a única alternativa verdadeiramente progresista para ocupar todo o espazo político para a cidadanía que quere políticas realmente transformadoras”, asevera Villares. Que destaca que foron precisamente as Mareas as únicas formacións “que fomos quen de poñer enriba da mesa axendas políticas que ata o de agora foran esquecidas polos partidos políticos que se dicían de esquerdas”

LUIS VILLARES: “O PSOE INCORRE NAS MESMAS PRÁCTICAS CACIQUÍS E CLIENTELARES QUE O PP”
 
 O voceiro salientou o caso da Guarda como evidencia das políticas e intereses contrarios ao benestar das maiorías do PSOE.  “Na Guarda prodúcese o mesmo que na Coruña, e é que vemos un PSOE que integra o bloque conservador xunto co PP. Do mesmo xeito que na Coruña vimos como se daban a man na moción de confianza para evitar a remunicipalizacion de servizos públicos esenciais para a cidadanía, como eran alí as bibliotecas, vemos na Guarda como o PSOE incorre nas mesmas prácticas caciquís e clientelares que o PP”, denuncia Villares. Que lembra que “non en van o PSOE da Guarda foi condenado no mes de decembro de 2018 por irregularidades en contratacións relacionadas co Concello. Prácticas absolutamente rexeitables”, fronte ás que a Marea local aposta pola “transparencia e o tutor da xente, como unha saída sur para o porto, que conseguiría mellorar as condicións de acceso e a saída das mercadorías”.

ISABEL LIDIA GONZÁLEZ ALONSO (CANDIDATA DE EN MAREA A GUARDA Á ALCALDÍA): É NECESARIO DESBLOQUEAR A POSTA A DISPOSICIÓN DO CHAN INDUSTRIAL
 
  Isabel Lidia González Alonso, candidata á alcaldía de En Marea na Guarda, tamén destacou a necesidade de traballar para desbloquear a posta a disposición do paralizado chan industrial. Unha cuestión “paralizada dende hai anos, cando hai moitos miles de metros cadrados xa mercados, e que debe retomarse o antes posible”

 A cabeza de lista da Marea local tamén se compromete a traballar para impulsar a conexión da localidade mediante vía de alta capacidade. Unha medida básica para impulsar unha mobilidade máis cómoda para a poboación local, que coa rede de estradas actual tarda 25 minutos en desprazarse ata Tui.  

EN MAREA A GUARDA COMPROMÉTESE A IMPULSAR UN SERVIZO DE ATENCIÓN TURÍSTICA DE CALIDADE

  O turismo é outro dos eidos nos que a formación local se compromete a traballar a partir do 26 de maio. Nese aspecto pon o foco Ana Vicente, membro da candidatura de En Marea na Guarda, que destaca o “amplo potencial” dunha vila que “cada vez recibe máis peregrinos”. A candidata denuncia a insuficiente resposta que o actual goberno local está a dar a esta realidade, cunha oficina de información turística que unicamente abre de luns a venres e polas mañás, como se se tratase dun servizo administrativo máis”. Ana Vicente comprométese a impulsar un servizo de calidade que contribúa a desestacionalizar o turismo na localidade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario