22 de maio de 2019

A GUARDA









ACTUACIÓNS E PROPOSTAS DE FUTURO RELACIONADAS COAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS PARA A PRÁCTICA DO BALONMÁN E COA CONVOCATORIA DOS GRUPOS POLÍTICOS CONCORRENTES NAS ELECCIÓNS PARA PARTICIPAR NUNHA CHARLA-DEBATE


 Dende a Agrupación Local Socialista da Guarda queremos manifestar, en primeiro lugar, que non nos parece correcto unha convocatoria realizada con tres días de antelación (luns 20 de maio) para unha charla-debate a 3 días das eleccións municipais (xoves 23 de maio). 

 No noso caso, non se consultou sobre a dispoñibilidade para asistir a charla e, como resulta obvio en plena campaña electoral, temos programados e anunciados moitos actos con veciños, sectores, asociacións e organizacións. Neste caso concreto para o xoves 23 de maio temos anunciado dende o principio de campaña unha charla mitin no Castro, ás 20:30 h, que en ningún caso, por respecto aos veciños, podemos anular. 

 En segundo lugar dubidamos que unha convocatoria de todos os grupos políticos para “charlar e debater” nun lugar que non é espazo electoral e sen previa solicitude a xunta electoral se poida realizar. 

 Por outra banda non temos ningún inconveniente en reunirnos cos responsables do Balonmán Atl. Guardés, como así o levamos facendo durante toda a lexislatura. A última xuntanza co presidente do club produciuse o sábado día 13 de abril. Naquela ocasión o alcalde da Guarda e candidato a alcaldía pola Agrupación Socialista da Guarda, Antonio Lomba, trasladou ao presidente as propostas de futuro e a disposición dos seu grupo e do concello a apoiar o balonmán sempre na medida das súas posibilidades. 

 As cuestións concretas trasladadas polo alcalde naquela xuntanza respecto aos intereses do Atl. Guardés foron as seguintes:

1º. O concello ten un ambicioso proxecto, redactado pola Deputación de Pontevedra, de reforma e ampliación do pavillón municipal da Sangriña. Este proxecto que tivo entrada estes días no concello, e que aínda está en fase de revisión, está a disposición dos responsables do balonmán. Naquela xuntanza o alcalde comunicou ao presidente do club que quería que fora o primeiro en coñecer o documento. Este proxecto, para o que habería que buscar financiamento, representa unha solución para o pavillón na Guarda a medio prazo. 

 2º O alcalde trasladou tamén, a José Manuel Silva, que o concello estaba redactando unha modificación do PXOM para un “Plan especial de Infraestruturas e Dotacións Deportivas da Sangriña”, na zona da Piscina. A recualificación deste terreo rústico en dotacional deportivo permitirá habilitar 20.000 m2 para un futuro pavillón ou multiusos. Este proxecto xa comezou a súa tramitación, está redactado e enviado á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático para a Avaliación Ambiental Estratéxica. A habilitación deste terreo permitirá que nun futuro, no caso de conseguir financiamento, se poida construír na Guarda un novo pavillón. Está iniciativa está pensada como a solución a longo prazo. 

 3º Por último o alcalde tamén comunicou, ao presidente do Mecalia Atl. Guardés, que o concello aumentou a subvención ao club. Os 25.000 € que recibía increméntanse, para este ano 2019, en 10.000 € máis, vinculando esta subida as necesidades do club no caso de que teña gastos extraordinarios con motivo da súa participación en competicións da copa da Raíña ou Europeas. 

 Hai que lembrar que os esforzos en investimentos e xestión feitos polo concello nesta lexislatura foron importantes. Conseguimos a reforma dos vestiarios, o novo alumeado, a reparación da cuberta e o novo marcador, entre outras cousas. 

 Para o futuro queremos trasladar ao club que, polo que a nós respecta, o concello da Guarda sempre estará a súa disposición para colaborar na medida das súas posibilidades.

 Agrupación Local Socialista da Guarda 
 Monserrat Magallanes Álvarez 
 Secretaria Local

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario