31 de maio de 2019

A GUARDA

O  CEEPR SAN XEROME EMILIANI FINALISTA NO CONCURSO ESCOLAR “COIDAMOS O MEDIO AMBIENTE”  


E gañador do 3º premio na súa categoría con “Proxecto  Poleiro:  horta e  galiñeiro”


A noticia sobre o terceiro premio foi recibida no cole con moita alegría por parte de alumnado e profesorado.
Foto: C.E.E. San Xerome Emiliani

Infogauda / A Guarda

 O colexio de Educación Especial San Xerome Emiliani levaba anos traballando e educando no uso e goce responsable do medio ambiente a través dun invernadoiro no que cultivaban kalanchoes (planta crasa de orixe africana) para un estudo sobre o cancro de mama cando varias  profes do equipo decidiron darlle un novo aire ao proxecto ampliando a horta coa creación de varios bancales e iniciando a construción dun galiñeiro. Todo un reto! Nace así “Proxecto Poleiro” en San Xerome.  

 Tanto a construción do galiñeiro como o mantemento da horta foi levada a cabo ao longo deste curso 2018/19 polas alumnas e alumnos de San Xerome a través da actividade “bricopoleiro” onde coa guía das súas profesoras construíron as portas, o propio galiñeiro, pintaron os valos… e un  bancal adaptado para cadeira de rodas.   

 Desta forma, as diferentes actividades que xorden de “Proxecto  Poleiro” permiten ao alumnado observar, expor hipótese, resolver os problemas que van aparecendo e sacar as súas propias conclusións. Isto favorece unha aprendizaxe globalizada, e a interrelación entre distintas áreas de coñecemento como Ciencias Naturais, Lingua, Matemáticas, Educación Artística e o uso das novas tecnoloxías para a procura e intercambio de información.  

 “Tiñamos claro que o proxecto debía ser sustentable e que queriamos achegarnos todo o posible a unha agricultura ecolóxica”, comentan as  profes. Para iso  profes e alumnas/os asistimos a unha formación coas nosas compañeiras/os do horto  ecóloxico “As Mercés” do servizo de Adultos de San Xerome e puxémonos ao choio.   

 Todo o material - engaden - procuramos que sexa reciclado: macetas reutilizadas, madeira de  palés usados, sementeiros… e fabricamos o noso propio compost e  insecticida de ortigas.  

 Hai pouco recibimos unha boa noticia: temos permiso para poder traer ás nosas galiñas! ese será o seguinte paso para seguir traballando o compromiso, responsabilidade e tamén a adquisición de destrezas laborais coas nosas alumnas/os.  

 O concurso escolar “coidamos o  medioambiente” organizado por  UHU busca recoñecer aqueles proxectos educativos que promovan entre as súas alumnas/os valores esenciais como o respecto e a conservación do  medioambiente. A noticia sobre o terceiro premio foi recibida no cole con moita alegría por parte de alumnado e profesorado. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario