1 de xuño de 2019

A GUARDA

CULTURA

Ademáis de relembrar a Antón Fraguas Fraguas

A AGRUPACIÓN CULTURAL GUARDESA PECHOU Á CONMEMORACIÓN DAS LETRAS GALEGAS COA HOMENAXE A JOSÉ LUIS RODRÍGUEZ ÁLVAREZ


José Luis Rodríguez Álvarez con Julia Sobrino e Montserrat Magallanes Álvarez recibindo os aplausos de tódolas persoas que asistiron e participaron na homenaxe
Fotos: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Como estaba previsto, a Agrupación Cultural Guardesa, presidida pola activista cultural Julia Sobrino González, celebrou na noitiña deste venres día 31 de maio de 2019, o acto de homenaxe a José Luís Rodríguez Álvarez, a quen por acordo da asemblea de socios da devandita entidade, adícaselle na vila de A Guarda, o Día das Letras Galegas, 2019, o tempo que relembrouse a figura poliédrica do antropólogo, escritor, etnógrafo e historiador Antonio Fraguas Fraguas. 

 O acto, presentado por Manuel Santos González, comezou cunha salutación de benvida, para a continuación proxectarse unha serie de imaxes fotográficas sobre José Luis Rodríguez Álvarez e súa actividade arredor do traxe rexional galego, amáis do seu vencello a colectivos de música tradicional do noso país.

"Cantaruxas e Merliños" e o Grupo de Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa


 Rematada a proxección, subiu ao escenario o Grupo de Pandereteiras da Agrupación Cultural Guardesa, así como "Cantaruxas e Merliños", dirixidos por Berta Castro, que interpretaron unha "Foliada mariñeira".


  Grupo de Corda Antorcha

 A continuación subiu o escenario o Grupo de Corda Antorcha, e dirixido por María José Baz Martínez interpretou: "Quen poidera" (letra e música de María José Baz) e "Popurri  Galego".
  
                                              Chuny Vázquez Vicente
   

 A velada cultural continuou cunha lembranza a Antonio Fraguas Fraguas, a cargo da poeta e pintora María Asunción Vázquez Vicente (Chuny), da Agrupación Cultural Guardesa, que deu lectura a un traballo da autoría do insigne historiador sobor do Monte Santa Trega, ao que cualifica como "(...) un dos miradores máis importantes da Galicia atlántica. Foi lugar prehistórico, protohistórico, romano, sempre atento aos misteriosos atardeceres, ás occitánicas postas de sol. Non coñecemos con exactitude os cultos da época. Para conseguir borrar a paganía viu a cristianización con práctica de vida eremítica, pero os ermitáns agrupáronse nos claustros a partir do século XII. Xurden entón novas formas de exercicios de formación espiritual arredor da figura da protomártir Santa Tegra ou Tecla. E para que resulten máis eficaces as prácticas penitenciais que facían clérigos e paisanos leigos, organizaron ordeadamente cultos, oracions e penitencias (...)".

 No devandito traballo Antonio Fraguas fai mención o xubileo penitencial do Voto a Santa Trega, coas súas celebracións eclesiásticas, ás ladaíñas,..., e di tamén que "(...) ademais dos días sinalados, eran días de gran concorrencia de homes e mulleres, o día da Santa, que é o 23 de setembro, os luns de decembro e de Pentecostés. As cousas variaron e outras modas obrigaron a fórmulas diferentes, e parece que non hai hoxe a austeridade que había noutros tempos. Valía a pena conservar a totalidade das formas por tratarse de algo único, xa que é unha romería que data do século XIII (...)".
 

  David Quiñones Vázquez

 Logo da intervención de Chuny Vázquez, sería David Quiñones Vázquez, presidente da Asociación Etnográfica Sete Espadelas, quen faría uso da palabra para facer un retrato en clave distendida de José Luis Rodríguez Álvarez, de quen destacou: "(...) Coñecímonos aló por decembro do 2014 nunha exposición sobre traxes, coma non… Comezamos a falar e enseguida fomos conscientes da grande cantidade de inquedanzas sobre o traxe que compartíamos, así unha cousa levou a outra e en nada estabamos organizando unha exposición e unha pasarela. 

 O tempo levounos a crear xuntos o proxecto de Sete Espadelas, unha asociación etnográfica sobre o noso traxe tradicional (...)", "(...) e con ela comezamos a aumentar as nosas coleccións facendo novas pezas, investigando, buscando abelorios, panos, tecidos polo mundo enteiro (China, Inglaterra, Pakistan, Holanda, Francia, Lituania, Nova York…). E así pouco a pouco fomos sumando premios, exposicións, pasarelas, obradoiros…(...)".

 "(...)  Pero a xente cando ven a estas homenaxes o que busca e que o discurso sexa emotivo, que desvele detalles íntimos da vida do homenaxeado descoñecidos para o público, algún que outro cotilleo… (...)".

  "(...) Entón pregunteime que destacaría eu de José Luis?  

 Pois aí non tiña dúbida, ante todo a súa capacidade de traballo e de ter sempre algo na cabeza. 

 A súa testudez: para o bo e para o malo, testán coma un arado… verdade Susana? 

 Ese carácter testalán fíxoo sacar unha oposición camiño dos 40 despois de traballar na empresa privada, fíxoo aprender a tocar a gaita despois dos 40 ou aprender a bailar muiñeira despois dos 50… Iso si, se se propón facelo, faino. Así tamén aprendeu a coser, a bordar, a patronar…

  Problema para os que estamos a carón de el? 

 Conseguir seguir o seu ritmo. O esgotamento, o mesmo que os enfados, dúranlle ben pouco. En 24 horas xa está para outra. Para novos proxectos, novas ideas, novas propostas… (...)".

  "(...) Outra característica a salientar: o seu carácter detallista: nunca se esquecerá do teu aniversario, de ter un detalle nos mellores e peores momentos cos seus, de estar pendente do estado de ánimo de todos os seus amigos, de ter unha palabra de afecto ou unha mensaxe agarimosa.  

 Así que é difícil elixir unha parte del para falar: o fillo, o pai, o home, o amigo, o docente, o enxeñeiro, o etnógrafo, o gaiteiro, o bailador, o costureiro, o bordador…  para que quedarse cunha soa parte para os que temos a sorte de telo cerca e poder disfrutar cada unha das súas facetas na vida.

 Así que pouco máis que che dicir, aproveita esta túa homenaxe, gózaa, pensa que é a recolleita do que antes sementaches, do traballo ben feito, unha mostra do cariño da xente. 

 E non cambies, baixa un pouco o ritmo, pero non cambies que che queremos así, sempre ben orgulloso de lucir o noso traxe, e por moitos anos.

 Unha aperta".

JOSÉ LUIS RODRÍGUEZ ÁLVAREZ, UN BUEUENSE DE ASCENDENCIA GUARDESA 

 José Luis Rodríguez Álvarez (Bueu, 1964), é enxeñeiro, profesor, músico tradicional e investigador de todo o relacionado co traxe e tecidos tradicionais galegos.   

 Foi secretario da Asociación do Traxe Galego de Santiago de Compostela e fundador das Asociacións do Traxe Tradicional de Pontevedra e da Asociación EtnográfIca Sete Espadelas. É presidente e fundador da Asociación Cultural Os de Algures. Gañador de catro premios de investigación "Antonio Fraguas" convocados polo Concello de Santiago e a Asociación do Traxe Galego. Como xastre conta no seu haber con vinte primeiros premios no concurso do Traxe Galego organizado anualmente en Santiago de Compostela. 

José Luis Rodríguez Álvarez


 Comisario de doce exposicións ao redor da indumentaria tradicional galega, destacando "Pintados con pincel, cosidos con agulla" no Museo de Pontevedra no ano 2015, exposición que foi visitada por 10.000 persoas. Conta con mais de 25 cursos e obradoiros para a elaboración de pezas ou traxes tradicionais, impartindo técnicas de corte, confección e bordado. Comisario e organizador de catorce pasarelas e mostras de traxe tradicional, destacando "Sete varas, un refaixo" no Pazo da Deputación de Pontevedra, no Teatro Colón da Coruña e na Cidade da Cultura en Santago de Compostela.   

 Poñente nunha ducia de conferencias ao redor da indumentaria tradicional galega ao longo de toda a xeografía do país. Director artístico de seis espectáculos músico teatrais de gran formato realizados con carácter anual no Teatro Principal de Pontevedra ao redor da cultura, música e danza tradicionais galegas.

VERBAS DA PRESIDENTA DA AGRUPACIÓN CULTURAL GUARDESA

 Julia Sobrino González


  Logo da intervención de David Quiñones Vázquez, sería Julia Sobrino González, presidenta da Agrupación Cultural Guardesa quen adicaría unha verbas ao homenaxeado, e comezou citando unha frase de Antonio Fraguas Fraguas: 

 "Eu traballei sempre por e para Galicia. Unha veces acertei; outras non; pero en canto levo feito puxen sempre toda a miña ilusión".

  "Esa ilusión - engadiu Julia Sobrino - e a que o noso homenaxeado deste ano puxo sempre no seu traballo en procura incansable como artesán e investigador; empeñado  desde hai moito tempo en buscar as fontes adecuadas  para chegar ao fondo desa historia do noso traxe; esa que tantas veces móstrase esquiva, para deixar ao descuberto a inesgotable marea das súas reviravoltas máis ocultas.

 E é a través de horas incontables, de días e días transitando polos  camiños incertos, dunha anotación á marxe dun libro aparecido como por encantamento nun estante escondido dunha casa antiga, ou da conversación amena con algunha anciá muller chea de sabedoría e amante de todo o noso como tí José Luis, podas trasladar logo aos bordados  exquisitos, que tivemos ocasión de ver na túa casa, a riqueza da nosa vestimenta.

 Ao mesmo tempo  tivemos ocasión de asombrarnos cando analizamos as miles de puntadas nun mantelo que tiveron que dar as túas mans, guiadas polo teu espíritu sensible, para que podamos gozar esta beleza agora e no futuro todos os amantes da recuperación das nosas tradicions e historia.

 Cos nosos desexos de que sigas traballando arreo no futuro".  
  

 Agrupación Coral Polifónica de A Guarda

 A continuación a Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, dirixida por Rosa González interpretou: "Lévame", "Roseiriña" e "A saia da Carolina".

 Logo da actuación da Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, e sen que os coralistas saisen do escenario, tería lugar a entrega de agasallos as representantes dos colectivos - entre eles a Asociación Cultural de Embarcacions Tradicionais Piueiro (que adornou o escenario con motivos mariñeiros), ademáis dos anteriormente mencionados - que colabouraron nesta homenaxe, así como a María Soledad Diz Amil, pola escolma dos textos para á publicación conmemorativa. Participaron na entrega a concelleira de Cultura en funcions, Elena Baz Rodríguez, así como varias persoas da Agrupación Cultural Guardesa.
 

José Luis Rodríguez Álvarez e súa esposa Susana, con Julia Sobrino


 E finalmente, chegaría o intre de facerlle entrega do correspondente agasallo a José Luis Rodríguez Álvarez, honra que Julia Sobrino González cedeulle a deputada provincial Monserrat Magallanes Álvarez.

 Tamén foille entregado un ramo de flores a Susana, esposa de José Luis.


 José Luis Rodríguez Álvarez lendo á síntese da súa biografía

 A continuación o homenaxeado daría lectura a súa ampla biografía, na que mencionou súa ascendencia guardesa, pois súa nai, Celia Álvarez Álvarez, naceu na parroquia de Salcidos e casou con Sergio Rodríguez, natural de Bueu.

 José Luis evocou súa estadía de catro anos en San Xián, nunha casa escola na que súa nai tivo un dos seus primeiros destiños como mestra.

 E xa con cinco anos, foi coa súa familia para Bueu, ainda que viviu a adolescencia en Vigo. 

 José Luis fixo unha fermosa síntese da súa andaina formativa, profesional e familiar para logo ir o cerne da súa aficción ao baile de salón e ritmos do Caribe, derivando pasado un pouco de tempo o folclore tradicional galego e súas investigacions etnográficas, que lle permitiron acadar catro Premios de Investigación Antonio Fraguas.

  Rematada súa intervención - na que mencionou agarimosamente a seu avó materno -, o respectable público premiou cos seus aplausos as verbas de José Luis Rodríguez Álvarez, recibindo tamén o agarimo de súa esposa Susana, das súas fillas e de toda súa familia que acudiu a homenaxe.



  O respectable público posto en pe durante á interpretación do Himno Galego

 Coa interpretación do "Himno Galego" pola Agrupación Coral Polifónica de A Guarda, e co público posto en pe, remataría esta grata velada, na que tódolos asistentes foron agasallados cun exemplar do libro conmemorativo que editou e publicou a Agrupación Cultural Guardesa - co patrocinio da Concellería de Cultura do Concello de A Guarda -, e que José Luis Rodríguez Álvarez asinaría a tódalas persoas que así o desexaron.

 Foi unha nova oportunidade de visibilizar que na vila de A Guarda hai sensibilidade pola Cultura e que no noso pobo existe un amplo e heteroxéneo movemento asociativo que agromou desde fai varias décadas do seo da mesma cidadanía, a mesma que sempre está disposta a colabourar no que sexa necesario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario