20 de maio de 2019

A GUARDA

A celebración do Día das Letras Galegas brillou na fin de semana guardesa


«A Banda das Apertas» con Magín Blanco actuou para os escolares no auditorio ao aire libre San Bieito
Fotos: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 A Guarda celebrou a pasada fin de semana o Día das Letras Galegas con diferentes propostas entre as que destacaron un concerto para escolares, un festival musical e o prato forte coa Festa das Letras. 

 A programación de actividades comezou o mércores día 15 de maio cun concerto escolar no que participaron máis de 700 alumnos de primaria dos centro de ensino da vila. O concerto realizouse no Auditorio de San Bieito a cargo de «A Banda das Apertas» con Magín Blanco, unha actividade incluída no Pontegal da Deputación de Pontevedra. 

 Na xornada do xoves 16 de maio o Centro Cultural foi o escenario da actividade «O Galego na Guarda. Unha lingua con futuro?» organizada por Xuliva en colaboración co Equipo de Normalización Lingüística do IES A Sangriña e o Concello de A Guarda. 


                                                   Grupo de Gaitas A Boalleira, de A Gándara          

 O Trebón dos Xidos

 O venres 17 de maio tivo lugar un desfile dende a Alameda da Guarda ata o Auditorio de San Bieito, onde celebrouse un festival folclórico coa participación de tódolos grupos da localidade e entregáronse os premios aos gañadores do concurso de relato e debuxo organizado pola Agrupación Cultural Guardesa. 


 A Praza do Reló acolleu a Festa das Letras

 Sen dúbida algunha a actividade que centrou a celebración das Letras Galegas na vila foi a Festa das Letras, que tivo lugar na xornada do pasado domingo na Praza do Reló e que contou entre a súa programación e actividades, con venda de libros con descontos para os asistentes, postos de venda de artesanía, un xogo de pistas «Superlector», un posto con publicacións municipais, actuacións en directo, xogos populares e un sorteo final. 


 Sesión de vermouth musical con «Roger de Flor»

 Ás 11:30h máis dunha trintena de rapaces participaron no Contacontos «A detective peregrina», que correu a cargo de Polo Correo do Vento, seguido dunha sesión de vermouth musical con «Roger de Flor» e o monólogo de Gil. 


 Adultos e picariños na Praza do Reló

 Xa pola tarde celebráronse varios xogos populares con carreiras de sacos, zancos, parchís xigante, no que participaron nenos e nenas da vila. 
 Unha das actuacións máis animadas chegou ás 18:00h co espectáculo para o público infantil «Canta miña pedra canta» a cargo de Xoan Curiel e Charo Pita, unha posta en escena que non deixou a ninguén indiferente. 

Vero Rilo e Faia Díazcontaron historias recollidas no noso entorno baixo o título «Por unha peseta»


 Xa como broche final desta Festa das Letras 2019 na Guarda, ás 20:00h Vero Rilo e Faia Díaz (integrante do grupo De Vacas), realizaron ante os asistentes un traballo onde voz narrada e cantada contaron historias recollidas no noso entorno baixo o título «Por unha peseta» a cargo da Compañía A Patacón. 

 Ao longo da xornada de onte domingo foron moitos os que achegáronse ata a Praza do Reló para gozar da ampla programación de actividades e mercar libros. Tamén os máis cativos que participaron no xogo de pistas «Superlector». Para rematar realizouse un sorte de agasallos, nos que se incluíron varias publicacións, resultando premiados os números 1.117 e 735, premios entregados no momento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario