19 de maio de 2019

A GUARDA

Multitudinaria presentación da candidatura municipal dos Populares da Guarda 

Con Alberto Núñez Feijóo e Roberto José Álvarez Carrero  


Roberto José Álvarez Carrero, candidato á Alcaldía de A Guarda, polo Partido Popular, dirixíndose a toda á veciñanza que asistiu á presentación da candidatura dos populares

Vista parcial do salón onde tivo lugar á presentación, totalmente ateigado de público

Infogauda / Camposancos (A Guarda)

 Na tarde do xoves día 16, os populares da Guarda presentaron oficialmente a candidatura completa á alcaldía da Guarda de Roberto José Álvarez Carrero e o seu equipo da man de Alberto Núñez Feijóo. Ao acto acudiron máis de 500 persoas que abarrotaron os salóns do Hotel El Molino, de Camposancos. 

 Roberto José Álvarez Carrero, despois de presentar ao equipo co que os populares pretenden recuperar o goberno da vila, expuxo brevemente as liñas básicas do seu programa político e manifestou: “Trátase dun programa serio e real fronte a outras opcións políticas que non van máis aló da protesta e a pancarta nacionalista sen sentido ou doutras que ocultan ineficacia e ineptitude na xestión. O Sr. Lomba, como de costume, oculta a súa falta de xestión botando balóns fora e culpando aos outros… Que o Sr. Lomba e o seu grupo de goberno non presenta proxectos en prazo e pérdense subvencións, a culpa é de Feijóo; que o Sr. Lomba e o seu grupo de goberno presenta proxectos que non se axustan aos plans e pérdense liñas de actuación, a culpa é da Xunta; que A Guarda perde poboación por falta de traballo e escaseza de recursos, a culpa é de Carrero (…)

 A Guarda ten futuro - afirmou Roberto José Álvarez Carrero - se hai un cambio de goberno efectivo e serio. Ese cambio só o pode encabezar un equipo solvente como o noso, coñecedor dos problemas e a realidade da Guarda. Somos profesionais liberais con negocios, operarios, pais e nais de familia, novas, xubilados… aos que nos une o amor polo noso pobo e a experiencia necesaria para superar as dificultades (…) Necesitamos a túa axuda con independencia das túas ideas e adscrición política.” 

 Así mesmo, Álvarez Carrero, sen ningún tipo de  miramiento, e dirixíndose ao presidente da Xunta de Galicia declarou: “Alberto: se teño que pelexarme contigo para conseguir todo o necesario para que A Guarda progrese fareino”. 

 Abriu o acto Liliana Sofia Bouça da Silva, natural de Vila Praia de Âncora, deputada nacional na Assambleia da República Portuguesa e vereadora na Câmara Municipal de Caminha, quen expuxo o traballo silencioso que Roberto José Álvarez Carrero e os populares da Guarda están a realizar a favor da conexión ribeirega de ambos os municipios para integrar relacións comerciais, turísticas e sociais que beneficien a ambos os municipios. A continuación solicitou o voto para Roberto José Álvarez Carrero: “Se  eu  fosse de A Guarda,  votaria o Roberto por ser  uma  pessoa  séria e  trabalhadora como  ele me  mostrou desde que estamos trabalhando para que  nossos  municípios  estejam  mais conectados e  avancem  em todos os campos”. 

 En terceiro lugar, interveu Alberto Núñez Feijóo encomiando a seriedade e capacidade de traballo do candidato popular e afirmou que Roberto José Álvarez Carrero conta con apoio e respaldo total tanto do presidente da Xunta como de todo o partido. Feijóo solicitou o voto para Álvarez Carrero para que non se reproduza na Guarda o pacto provincial entre PSOE e BNG polo que están a gobernar conxuntamente a Deputación de Pontevedra: “Un exemplo deste pacto entre PSOE e BNG tédelo na Guarda co colapso das obras recentes nas rúas que ambos aprobaron. Votar BNG é votar PSOE. Votar PSOE é votar BNG. O cambio real e efectivo para A Guarda chámase Roberto José Álvarez Carrero e é a única persoa que pode pilotar ese cambio”. 

 Finalmente, de idéntica maneira que anunciara en Tui a semana pasada, o presidente da Xunta de Galicia comprometeu a licitación final do Vial Tui-A Guarda (VAP) nos próximos orzamentos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario