13 de maio de 2019

A GUARDA

A Guarda conmemora o Día Internacional dos Museos   

O sábado día 18 de maio, con visitas guiadas as salinas romanas do Seixal, ao castro do Monte Santa Trega e a Fortaleza de Santa Cruz


 Infogauda / A Guarda
  
 O vindeiro sábado día 18 de maio celébrase o Día Internacional dos Museos, que este ano se conmemora coa temática dos Museos coma eixos culturais e futuro das tradicións. 

 O ICOM quere centrar a celebración deste ano nos novos papeis dos museos coma actores activos en cada comunidade, nunha sociedade en contínuo cambio, na que tamén os museos se teñen que adaptar e reinventarse, sendo máis interactivos, flexibles e móbiles, espazo de coñecemento onde as persoas compartan e interactúen. 

 Entre as accións para conmemorar o Día Internacional dos Museos, dende o Concello de A Guarda organízase unha visita guiada ás salinas romanas do Seixal, aproveitando a segunda fase do proxecto «A Guarda, Mar de Sal» para a recuperación e posta en valor das salinas da zona do Seixal, na fachada atlántica sur do termo municipal de A Guarda, así como as salinas rupestres de As Lagoas (Camposancos).

PARA Á VISITA GUIADA ÁS SALINAS É NECESARIO INSCRIBIRSE PREVIAMENTE

 O proxecto «Mar de Sal» fundaméntase na necesidade de sustentar o desenvolvemento patrimonial sobre un sólido respaldo científico. O estudo rigoroso das paisaxes do sal e a súa posta en valor permiten crear un recurso patrimonial posto ao servizo da cidadanía.  
 
 Para esta visita guiada, que terá lugar o sábado 18 de maio ás 10:45h, é preciso unha inscrición previa no enderezo electrónico anabam.anabam@gmail.com ou no teléfono  616 180 557. O punto de saída será o porto de A Guarda e a duración estimada desta visita é de 2 horas. 

 VISITAS GUIADAS GRATUÍTAS AO MONTE SANTA TREGA

 Ademais, tamén durante a xornada do sábado día 18 de maio, o acceso ao Monte de Santa Trega será de balde, contando tamén coas visitas guiadas postas en marcha dende o departamento de Turismo para coñecer máis polo miúdo o patrimonio e a historia do Monte Santa Trega. 

 As visitas guiadas realizaranse os sábados e domingos dos meses de maio e xuño en horario de 11:30h, 12:30h e 17:00h.

  Ás 11:30h realizarase a visita guiada ao Castro do Monte Santa Trega, que terá como punto de encontro a vivenda reconstruída do xacemento castrexo e que terá unha duración aproximada de 30 minutos. 

 Ás 12:30h e ás 17:00h terán lugar dúas novas visitas guiadas ao Monte Santa Trega, con punto de encontro no Museo Arqueolóxico (MASAT) e que terán unha duración aproximada de 90 minutos. 

 Estas visitas guiadas son de carácter gratuíto e sen inscrición previa. Para grupos de máis de 10 persoas é preciso facer unha reserva previa chamando ao teléfono 986 610 504. 

ACCESO GRATUÍTO O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DAS FORTALEZAS

 Do mesmo xeito o acceso ao Centro de Interpretación das Fortalezas, sito na Fortaleza de Santa Cruz tamén será gratuíto, onde se atopa arestora a exposición de Praxíteles González Martínez, e na que se expoñen varias maquetas do artista rosaleiro, como a ponte do Tamuxe, a igrexa de Santa Mariña do Rosal, un muíño serradoiro e dúas vivendas rosaleiras. Ademais das maquetas das catedrais de Santiago de Compostela e Notre Dame, de París. Completa esta exposición unha selección das máis de 40 esculturas realizadas polo artista. Horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h.

Ningún comentario:

Publicar un comentario