1 de abr. de 2019

TOMIÑO

A exposición itinerante “Sorrisos trans*formadores” chega a Tomiño para quedarse até o día 15 

A inauguración terá lugar o vindeiro mércores, 10 de abril, ás 11:30 horas no Mercado Municipal, e contará coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra e da alcaldesa de Tomiño  


 Infogauda / Tomiño

 A exposición fotográfica “Sorrisos trans*formadores”, do Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Asociación de Familias de Persoas Trans* ARELAS, pode visitarse desde hoxe e até o día 15 no Mercado Municipal de Tomiño.   

 A inauguración da mostra terá lugar o vindeiro mércores, 10 de abril, ás 11:30 horas no Mercado Municipal, e contará coa presenza da presidenta da Deputación de Pontevedra e da alcaldesa de Tomiño.

 Baixo o lema “Respecta-Defende-Sensibiliza-Iguala-Vive-E deixa vivir”, a mostra procura  fomentar a visibilización do colectivo LGTBI dun xeito positivo, así como sensibilizar e naturalizar o colectivo trans e as súas familias co fin de promover a igualdade de oportunidades e o respecto á diversidade.  

 “Sorrisos transformadores” é unha exposición fotográfica composta por dez imaxes de Noemí Chantada; retratos de persoas alegres, orgullosas, que mostran unha parcela da súa vida que lles gusta e van acompañadas, cada unha delas, dun texto que reflicte unha frase ou unha idea sobre cada unha desas persoas e da súa contorna.  

 Deste xeito, a actividade constitúe un camiño para prever actitudes e comportamentos discriminatorios por orientación sexual ou identidade de xénero e tamén combater o acoso escolar por estes dous motivos.

Ningún comentario:

Publicar un comentario