30 de abr. de 2019

SALCEDA DE CASELAS

TODA A OPOSICIÓN E SINDICATOS REXEITAN QUE O ALCALDE CONVOQUE A PRAZA DE TESOUREIRO O DERRADEIRO DÍA DE MANDATO TRÁS 12 ANOS SEN PREOCUPARSE POLA RPT NIN O CONVENIO DE PERSOAL  

Precisamente, e como contradición, Marcos Besada rexeitou hai un mes asistir á chamada do Consello Galego de Relacións Laborais alegando que debía ser o próximo goberno quen asumise a responsabilidade desta negociación  

O portavoz do PP denuncia que o actual Tesoureiro está a sufrir dende hai meses unha campaña de “persecución” e de “acoso laboral” por parte do Alcalde e do seu equipo, do mesmo xeito que outros funcionarios do Concello de Salceda “que non se deixan manipular”  


Santiago Rodríguez Davila, candidato do Partido Popular á alcaldía de Salceda

Infogauda / Salceda de Caselas

 O PP de Salceda de Caselas, do mesmo xeito que o resto de partidos da oposición e sindicatos (CIG, CCOO e CSIF), mostrou onte o seu “rexeitamento” á convocatoria da praza de Tesoureiro do Concello no derradeiro pleno municipal. O motivo é claro, “é un sen sentido” que despois de doce anos acórdese o último día de mandato de que ten que sacar o concurso público desta praza cando durante todos estes anos de goberno non se preocupou por negociar a Relación de Postos de Traballo (RTP), que non existe, nin o convenio do persoal municipal, tamén pendente. Precisamente, é o propio Marcos Besada quen se contradi con esta convocatoria cando o pasado 26 de marzo rexeitou iniciar o proceso de negociación proposto polo Consello de Relacions Laborais por consideralo “ilexítimo” a dous meses das eleccións municipais.   

 “Nós non estamos en contra de sacar a praza de Tesoureiro, pero consideramos que hai que facelobaixo o protocolo habitual e lóxico. En primeiro lugar haberá que aprobar a RPT, despois negociar o convenio e por último, cando saibamos cantas praza shai que convocar, facelo. Con todo, Besada acordouse despois de tres lexislaturas de que hai un problema co persoal municipal e empeza a casa polo tellado agravando aínda máis a situación e poñendo a un traballador intachable no candeleiro político”, explica e critica Santiago Rodríguez Davila, candidato popular á alcaldía de Salceda.          

 A decisión do alcalde sorprendeu tanto á oposición como tamén ás organizacións sindicais. Así deixaban constancia diso os delegados sindicais nun comunicado no que “deixan ben claro o trato vexatorio e ameazante utilizado polo Alcalde os funcionarios”, destaca Davila quen tamén subraia desta nota a “prepotencia” á que se refiren os sindicatos cando describen a actitude de Besada e as “ordes presuntamente ilegais” que reciben do actual goberno local e que provocan a apertura de expedientes “se se negan a obedecelas”.  

“Acoso laboral” e “persecución”      

 Precisamente, Davila denuncia a “persecución” e o “acoso laboral” o que se está vendo sometido o actual Tesoureiro do Concello de Salceda por parte de Marcos Besada e do seu equipo, do mesmo xeito que outros funcionarios os que tamén tentaron “machucar” por non “deixarse manipular”. “Este traballador é unha persoa cun currículo intachable, recoñecido e con moitos anos de experiencia no Concello de Salceda, é curioso que durante todo este tempo en que Besada estivo convivindo laboralmente con él non tivese problema nin se lle ocorrera convocar a praza a pesar dos conflitos do persoal municipal que veñen de lonxe e que non se interesou en solucionar”, conclúe o candidato popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario