2 de abr. de 2019

OURENSE

Presentación do monográfico de Evega sobre treixadura, no marco da feira "Vinis Terrae"

Manuel Baltar destacou este labor divulgativo da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, "que contribúe a posicionar o viño e os matices dunha variedade como a treixadura, sinónimo de Ribeiro e de Ourense" 


O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na presentación do monográfico nº 4 da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) sobre treixadura
Foto: D.OU.
 
Infogauda / Ourense

 O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe en Expourense, no marco da 8ª edición da feira "Vinis Terrae", na presentación do monográfico nº 4 da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) sobre treixadura, a variedade de uva que mellor se identifica co Ribeiro, un acto que contou tamén coa participación do director da Evega, Juan Manuel Casares, e do director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria, Manuel Rodríguez Vázquez.  

 Manuel Baltar agradeceu o labor que está a desenvolver a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia coa publicación destas monografías, "un traballo moi documentado, dirixido non só a profesionais senón tamén ao público en xeral, xa que están escritas de xeito didáctico". Este traballo divulgativo da Evega contribúe, segundo o presidente do goberno provincial, "a posicionar un produto como o viño e os matices dunha variedade como a treixadura que, sen dúbida, é sinónimo de Ribeiro e de Ourense".  

 Baltar reiterou a importancia dun certame como "Vinis Terrae", que se celebra grazas ao financiamento da Deputación de Ourense e que supón o evento máis importante dos viños das cinco denominacións de orixe galegas. Importadores e compradores de 14 países teñen a oportunidade, onte e hoxe, de coñecer os produtos das máis de 50 adegas adscritas ás denominacións de orixe galegas, un sector, o vitivinícola, "estratéxico para a economía ourensá e que conta coa Deputación de Ourense como aliada para favorecer a súa competitividade e promoción, dada a relevancia da nosa provincia neste ámbito, ao contar con catro das cinco denominacións de orixe galegas". 

 "Ourense Vinis Terrae" é un salón enfocado ao sector profesional para o fomento de negocio e encontros B2B entre adegas e compradores, os cales coñecen estes días de primeira man as zonas produtivas, adquirindo un maior coñecemento sobre as variedades autóctonas autorizadas polos consellos reguladores en territorio ourensán.

Ningún comentario:

Publicar un comentario