10 de abr. de 2019

O ROSAL

CORES TOURÍS ANALIZA COA ALCALDESA DO ROSAL VARIAS DEMANDAS NO EIDO DAS INFRAESTRUTURAS  

O delegado territorial da Xunta de Galicia aproveitou a visita para comprobar coa rexedora as obras de execución dunha senda peonil que acaban de poñerse en marcha na subida ao Niño do Corvo  


O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello do Rosal
Foto: X.G.

Infogauda / O Rosal 

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá o concello do Rosal para analizar coa alcaldesa do municipio, María del Carmen Alonso Alonso, varias demandas no eido das infraestruturas, como a reposición de pantallas acústicas ou a instalación de marquesiñas.  

 Na visita, o delegado territorial estivo acompañado do xefe da Axencia de Infraestruturas en Pontevedra, Fausto Núñez. Cores Tourís avanzou a María del Carmen Alonso que a Consellería xa solicitou a compra de novas pantallas acústicas para a súa instalación tanto na ponte sobre o Tamuxe como nos falsos túneles da vía de alta capacidade Tui-A Guarda, xa que algúns dos mesmos víronse afectados polo último temporal.  

 A maiores, a alcaldesa trasladou tamén ao delegado territorial a necesidade de contar con novas marquesiñas no concello de cara a mellorar estas infraestruturas en varios puntos da localidade.  

 Finalmente, e aproveitando a visita ao concello, José Manuel Cores Tourís e María del Carmen Alonso trasladáronse ata á subida ao Niño do Corvo en San Miguel de Tabagón co obxectivo de comprobar o inicio dos traballos de execución dunha nova senda peonil no tramo de vial de reposición de  acceso motivado pola execución da obra CG-4.2 que enlaza esta parroquia con Valdemiñotos. Estes traballos contan cun orzamento de 48.300 euros.   

 En total, executarase unha senda peonil de 430 metros de lonxitude dende a subida ao Miño do Corvo ata a estrada de Morán, aplicándose formigón coloreado, salvo no paso superior sobre a CG-4.2 onde se estenderá un microaglomerado coloreado. Tamén se instalará un colector para recollida das augas de drenaxe e unha canalización para a preinstalación do alumeado.   

 Tal e como indicou o delegado, esta senda enlazará posteriormente coa que o concello do Rosal e a Deputación de Pontevedra executarán pola EP-3302 ata a estrada de Morán, nun proxecto comprometido economicamente pola institución provincial. “Así o acordamos as tres administracións na última reunión que mantivemos ao respecto. Lamentablemente, a obra que corresponde á Deputación de Pontevedra aínda non foi nin licitada, o que retrasará evidentemente o proxecto”, afirmou José Manuel Cores Tourís.

Ningún comentario:

Publicar un comentario