24 de abr. de 2019

O ROSAL

TURISMO

MÁIS DE 2.000 PERSOAS VISITARON EN SEMANA SANTA ÓS MUIÑOS DO FOLÓN E DO PICÓN  


 Un dos muiños do singular conxunto etnográfico rosaleiro
Fotos: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A Oficina de Información dos Muíños do Folón e do Picón (Muíño das Laxes) estivo aberta dende o día 18 (Xoves Santo) ata o domingo día 21 de abril da Semana Santa 2019, de 11:00 a 14 horas e de 16:00 a 19:00 horas.  

 O bo tempo e as fantásticas condicións climáticas durante estes catro días nas Rías Baixas e en Galicia en xeral, fixeron que centos de persoas se achegaran ata O Rosal para disfrutar da nosa ruta de sendeirismo dos Muíños do Folón e do Picón.  

 Aínda que o primeiro día houbo chuvascos practicamente toda a tarde, as persoas visitantes continuaron achegándose ata Martín, tanto a cuberto para contemplar as demostracións de moenda en directo que se realizaban na Oficina, como para realizar a ruta igualmente.  

 Segundo informa o executivo municipal que preside a alcaldesa María del carmen Alonso Alonso, durante estes catro días, contabilizáronse un total de 2.042 visitas, sendo o venres 19 de abril unha das xornadas nas que máis turistas se achegaron ata a nosa vila. Como en anos anteriores, a procedencia dos/as turistas nesta Semana Santa, na súa maioría, foron de todas as provincias da Comunidade Galega. Aínda que tamén foron moitas as persoas de Portugal que visitaron os muíños nestes días. En menor medida, anotamos varios visitantes procedentes de Francia, Holanda e xa de territorio nacional, persoas de Madrid, Barcelona, Tenerife, etc.  

 Despois de dous anos, dende que en abril de 2017 se inaugurara a nova Área de Recepción dos Muíños do Folón, esta segue sendo unha verdadeira dinamizadora da contorna, xa que atrae a multitude de veciños do Baixo Miño e arredores que buscan unha paraxe de tranquilidade, paseo ou mesmo descanso. 


 Visitantes preto da Área de Recepción dos Muíños do Folón

 A apertura do quiosco desta Área de Recepción, nesta Semana Santa vén tamén a ofrecer un servizo moi demandado por todas aquelas persoas que nos visitan (auga, refrescos, xeados, cafés, souvenirs da vila, etc).  

 A proba deportiva “Trail Adventure Muíños do Folón”, que este ano celebrou a súa segunda edición e que congregou en O Rosal a máis de 500 participantes, segue a ser unha “captadora” de visitantes da nosa ruta PR-G 94. Moitas persoas se achegaban ata a oficina preguntando si se podía facer o mesmo percorrido da competición ou mesmo interesándose polas diferentes variantes que se ofertan tanto polos Muíños como polo noso territorio rosaleiro. 


Visitantes presenciando unha demostración de moenda nun dos muiños

 As demostracións de moenda en directo, que se realizaron durante os catro días, volven a ser un auténtico espectáculo para nenos/as e persoas adultas. Contemplar a conversión do millo en fariña, escoitar o son da abundante auga e o muíño a pleno rendemento foi, sen dúbida, un dos grandes atractivos para quen decidiu achegarse ata O Rosal.  

 A pesar de que nesta Semana Santa 2019 non tivemos constancia de que viñera ata a vila ningún autobús ou excursión concertada, foron centos de vehículos particulares os que si o fixeron, abarrotando tanto o aparcadoiro como as súas inmediacións, beirarrúas da estrada incluídas.  

 Para finalizar, destacar a importancia das redes sociais e o “boca a boca” que fan que a maioría das persoas visitantes veñan ata a nosa ruta e aos Muíños do Folón e do Picón recomendados por amistades ou mesmo por comentarios positivos que len en páxinas especializadas de Internet, de viaxes ou de sendeirismo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario