MARTINA VIGO ÁLVAREZ, DO CEIP A SANGRIÑA, ASINA A IMAXE DA FESTA DO PEIXE ESPADA 2026
• O debuxo desta alumna de 6º de Primaria ilustrará o cartel oficial da cita organizada por Orpagu, que se celebrará na Guarda os días 24, 25 e 26 de xullo
O cartel deseñado por Martina Vigo Álvarez, alumna de 6º de Primaria do CEIP A Sangriña, foi o gañador do concurso de debuxo convocado pola Organización de Palangreiros da Guarda
Mar Bermúdez/A Guarda
A Festa do Peixe Espada 2026 xa ten imaxe. A autora é Martina Vigo Álvarez, alumna de 6º de Primaria do CEIP A Sangriña, gañadora do concurso de debuxo convocado pola Organización de Palangreiros da Guarda para escoller o cartel desta nova edición.
O seu traballo será a carta de presentación dunha festa que volverá encher a localidade de gastronomía, cultura mariñeira e actividades para todos os públicos os días 24, 25 e 26 de xullo.
Con esta iniciativa, Orpagu quere manter vivo o vínculo entre a festa e os máis pequenos, facendo que tamén eles participen nunha celebración moi ligada á identidade da vila e ao traballo da frota guardesa. Nesta ocasión, será a mirada de Martina a que acompañe a programación e dea forma ao cartel oficial.
A Festa do Peixe Espada contará este ano con restaurantes adheridos e cun programa de actividades pensado tanto para público infantil como adulto. O obxectivo é achegar o peixe espada á cidadanía, poñer en valor o produto e reforzar a conexión entre o sector pesqueiro, a hostalaría e a vida social da Guarda.
Orpagu dará a coñecer proximamente máis detalles da programación, así como os establecementos participantes nesta edición de 2026.

Ningún comentario:
Publicar un comentario