25 de abr. de 2019

EMPREGO

A XUNTA DE GALICIA DESTINA CASE 310.000 EUROS PARA A CONTRATACIÓN DE 27 DESEMPREGADOS NA COMARCA DO BAIXO MIÑO  

· En concreto, O Rosal e Oia poderán contratar cada un a dúas persoas, mentres Tomiño contará con 5 beneficiados, e Tui e A Guarda 9 por municipio. 

· O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destina aos concellos da provincia máis de 3 millóns de euros para a contratación de 255 desempregados 




José Manuel Cores Tourís, delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra

Infogauda / Pontevedra

 O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá os máis de 3 millóns de euros que a Consellería de Economía, Emprego e Industria destinará este ano aos concellos da provincia de Pontevedra para apoiar o emprego local favorecendo a contratación de 255 desempregados.   

 Os apoios concedidos este ano para a contratación de persoas perceptoras da Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) nos concellos da comarca do Baixo Miño permitirá aos municipios desta comarca contratar a 27 desempregados cunha axuda total de case 310.000 euros. En concreto, O Rosal e Oia poderán contratar cada un a dúas persoas, mentres Tomiño contará con 5 beneficiados, e Tui e A Guarda 9 por municipio. Estes traballadores destinaranse a traballos relacionados coa construción e a xardinería, así como a oficinas e despachos.  

 Tal e como explicou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, a administración autonómica inviste este ano 7,6 millóns, un 3,6% máis que en 2018, para contratar a 670 parados en 194 localidades, tendo preferencia aqueles que teñan asignado un proxecto de inserción de carácter laboral, os maiores de 45 anos e os que teñan cargas familiares. A novidade máis importante este ano é que a duración dos contratos amplíase de 7 a 9 meses. Ademais, a axuda media concedida por traballador aumenta nun 35,4%, sobre 3.000 euros máis, chegando aos 11.467 euros.   

 A iniciativa enmárcase na aposta da Xunta polo emprego inclusivo, un eido que está impulsando a través de diversos programas. A Administración autonómica, ademais de mellorar a empregabilidade e inserción laboral dos galegos e galegas que máis o precisan, fomenta a contratación nos concellos galegos.   

 Deste xeito, as axudas para a contratación de perceptores da Risga súmase as axudas para a posta en marcha de novos obradoiros de emprego e ao Aprol Rural, unha iniciativa tamén destinada a apoiar o emprego local en Galicia e co que a Xunta pretende incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas. En concreto, o programa Aprol Rural, cun investimento de 7 millóns de euros, facilitará que 531 persoas.   

 Todas estas actuacións forman parte da Axenda 20 coa que a Xunta busca fomentar a calidade no mercado de traballo e coa que se está contribuíndo á redución do paro en Galicia e á creación de emprego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario