1 de abr. de 2019

A GUARDA

A CIG volve gañar con maioría absoluta as eleccións sindicais no Concello da Guarda 

Logrou 3 dos 5 representantes do comité de empresa e o único que se escollía entre o persoal funcionario

O comité de empresa complétano un representante de CCOO e outro da CSIF
 
Fachada principal da Casa dos Alonso, na Praza do Reló
Foto: Infogauda

Infogauda / A Guarda

   A CIG volveu gañar con maioría absoluta as eleccións sindicais que se veñen de celebrar no Concello da Guarda ao lograr 3 dos 5 representantes no comité de empresa e o único que se escollía entre o persoal funcionario.  

 No proceso electoral celebrado entre o persoal laboral a central sumou un total de 44 votos: 31 no colexio de especialistas (2 delegados/as) e 13 no de técnicos/as e administrativos/as (1 delegado/a). O comité de empresa complétano 1 representante de CCOO -grazas aos 8 votos obtidos no colexio de técnicos/as e administrativos/as- e outro da CSIF, que tamén logrou 8 apoios, neste caso entre os especialistas.  

 A representación sindical dos traballadores/as do Concello complétase co delegado/a que se escollía entre o persoal funcionario, que tamén foi para a CIG ao recoller 10 votos, fronte aos 9 da UGT. 

RTP e convenio  

 Dende a Unión Local da CIG do Baixo Miño agradecen o apoio e a confianza amosada polos/as empregados/as do Concello na candidatura da central e reiteran o seu compromiso coa defensa das condicións laborais de todo o cadro de persoal.  

 Lembran que nestes momentos se está a negociar a Relación de Postos de Traballo (RTP), e que unha vez remate comezarán as conversas para renovar o convenio colectivo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario