8 de abr. de 2019

A GUARDA

CULTURA MARÍTIMA

Alumnos do Colexio Mestre Manuel García de Oia dedican o seu xornal  ao volanteiro que constrúe Piueiro    

• Os estudantes de Primaria visitaron o estaleiro A Pasaxe e subíronse ao volanteiro que se está construíndo na Guarda con motivo do XVI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia   


 Mar Bermúdez / A Guarda

 A Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais da Guarda "Piueiro" está a levar a cabo nos últimos meses un labor de promoción da cultura tradicional galega, enmarcada nos actos previos ao Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebra este ano nesta localidade do Baixo Miño.  

 Un dos colexios que visitou o volanteiro que está a recuperar a asociación no estaleiro A Pasaxe foi o Mestre Manuel García, de Oia, cuxos alumnos, impresionados pola historia deste tipo de embarcacións decidiu dedicarlle a maior parte do xornal escolar á iniciativa de Piueiro.  

 Desta forma, ademais da portada, o diario escolar dedícalle unha reportaxe sobre a visita, escrito por María Rodríguez e Micaela Lino, e un artigo sobre o Encontro, de Inés Castro. Pola súa banda, Lucía Fajar e Xan Fernández escribiron sobre a Asociación Piueiro, e Carla Soliño e Manuel Gonzalo describiron o traballo das rederas, mentres que a reportaxe central dedicárono os alumnos para describir as fases de construción dun volanteiro como o que están a recuperar na Guarda.  


 Foto de arquivo do volanteiro en construcción.

 O volanteiro é unha embarcación da que se teñen referencias desde o século XVII, que viviu o seu momento máis importante no XIX e que desapareceu a comezos do XX pola aparición dos arrastreiros. Para a súa recuperación, no estaleiros están a seguir os planos atopados pola asociación no proceso de procura e recompilación de material antigo.    

 Ao longo dos próximos meses, a Asociación que preside Joaquín Cadilla seguirá despregando máis actividades, tanto na Guarda como noutros puntos de Galicia e Portugal, para promocionar o décimo cuarto Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.  

 Para todos os interesados nesta cita, que terá lugar en xullo na Guarda, lembramos que existe unha páxina web, onde, dunha forma sinxela e moi visual, poderán atopar toda a información precisa do encontro organizado por Culturmar, en colaboración coa Asociación Piueiro e a Xunta de Galicia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario